O pan artesán galego, no centro da axenda política

Unha persoa prepara un pan da indicación xeográfica protexida do pan galego. (Foto: IXP)

O BNG levou ao Parlamento unha iniciativa en defensa deste produto galego que foi apoiada por unanimidade. Desde o grupo nacionalista consideran que unha maior promoción do pan pode incrementar a demanda e, en consecuencia, "implicará o aumento de superficie cultivada de cereal ocupando terras en abandono e pasto dos lumes cada ano".

O pan artesán galego xa conta co apoio unánime das forzas políticas galegas para seguir aumentando a súa sona. Tamén o seu volume de negocio fronte a outras propostas menos naturais. Este novo pulo chega da man dunha iniciativa que o BNG levou ao Parlamento e que conseguiu o consenso dos tres grupos con representación no mesmo.

Segundo explicou o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas Cruz "Mini", o acordo acadado co PP e PSOE inclúe que se vaia promover unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor "que resalte as bondades deste pan artesanal".

Cunha liña fixada coa colaboración do Consello Regulador IXP Pan Galego queren destacar quer "a calidade do produto", quer o "efecto positivo" que ten e terá consumilo antes que outro "sobre a economúa do rural".

A medida apoiada tamén estabelece a recuperación das axudas recibidas en pagos directos á agricultura do PDR 2007-2013 para o novo período de programación no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en fomento do cultivo das variedades de trigo do país "por continuar a ser variedades vexetais en risco de erosión xenética de interese para a alimentación humana".

Por outra parte, en virtude do asinado esta sexta feira, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), esta entidade deberá pór en marcha as accións que se precisen para lograr a "aprobación da norma técnica para a elaboración artesanal do pan". 

O obxectivo deste punto da proposta é que tanto o pan de centeo como o de millo galegos teñan a posibilidade de levar o selo de "Artesanía alimentaria".

Máis alá do cesto

No fondo esta iniciativa do Bloque, que atopou o apoio do resto de grupos, non só fala de que o pan galego sexa o de maior calidade e o que debe ser máis elixido á hora de facer a compra.

"A importancia reside non só no valor nutricional deste pan polo menor contido en glute e que levaría un mínimo do 25% de fariña triga do país", subliña Rivas Cruz. 

Así, prosigue: "Implicará o aumento de superficie cultivada de cereal ocupando terras en abandono e pasto dos lumes cada ano, podendo ser movemento económico para o rural que tan necesitado anda".

Aliás, sostén que o terceiro punto inclúe a vontade de facer novas IXPs que recuperen as outras variedades de pan tradicionais como a broa de maínzo ou o pan de centeo.