O Goberno español traslada a documentación do 'Pitanxo' á Audiencia Nacional, paso previo á baixada ao barco

Un pesqueiro navegando na zona na que afundiu o 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
Desde a Delegación do Goberno español na Galiza explicaron que foi o pasado 8 de maio cando a Audiencia Nacional pediu estes documentos e, dous días despois, o Ministerio contestou coa información solicitada.

A Delegación do Goberno estatal na Galiza informou de que a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), pertencente ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, trasladou xa a documentación da investigación do pesqueiro galego Vila de Pitanxo á Audiencia Nacional (AN), co obxectivo de que a baixada ao pecio se produza "canto antes".

Todo iso despois de que devandito órgano xudicial solicitase á CIAIM estes informes para poder coordinar os traballos que levarán a cabo para inspeccionar o barco, que naufragou en febreiro de 2022 a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá).

Desde a Delegación do Goberno español explicaron que foi o pasado 8 de maio cando a Audiencia Nacional pediu estes documentos e, dous días despois, o Ministerio contestou coa información solicitada.

Pola súa parte, as mesmas fontes indicaron que o contrato para baixar ao pecio se asinará "nos próximos días", despois de que a empresa viguesa ACSM Shipping resultase a adxudicataria do mesmo.

"Unha vez asinado o contrato, por parte do Ministerio a misión poderá dar comezo canto antes. Prevese unha execución aproximada dun mes. A misión contará coa presenza de peritos xudiciais", destacou.

Precisamente esta sexta feira a portavoz das familias dos 21 falecidos na traxedia, María José de Pazo, informou de que a AN urxiu o Ministerio a entregar a documentación, debido a que esta solicitude xa se realizou hai meses e o ente aínda non fixera o envío.

De Pazo explicou que será a Audiencia Nacional a que coordine coa empresa adxudicataria da misión de baixada ao barco afundido, ACSM Shipping, as datas e todo o relacionado con esta acción. Por iso, é preciso a documentación da CIAIM.

"É de sentido común que o buque ten que partir con todos os requisitos legais e garantías que veñan estipuladas por lei", reivindicou María José de Pazo.

Reunión con Besteiro

Ante esta situación, as familias lamentaron tamén que a día de hoxe, case ano e medio despois da traxedia, aínda carezan dun interlocutor interministerial que os informe dos puntos importantes e decisións sobre o caso.

Por todo iso, solicitaron unha reunión co novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que, tal como trasladou a Delegación, levará a cabo "en canto sexa posíbel".