O maior escándalo de financiamento ilegal de partidos non ten cabida na TVG

Barcenas

O recoñecemento por parte do ex-tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, nun xornal de Madrid da existencia dunha ampla rede de financiamento do partido apenas tivo eco na TVG nin na TVE

Foi a nova do día na práctica totalidade dos medios do Estado español, e mesmo de alén dos Pirineos. O domingo, El Mundo publicaba un artigo do seu director no que transcribe as confesións que lle realizou Luis Bárcenas durante 4 horas, antes de ingresar en prisión.

Bárcenas fala, entre outras cousas, de financiamento ilegal do PP durante, polo menos, os últimos 20 anos. Mais para a TVG e a TVE iso apenas ten importancia

Así o denuncia o blog Eu non Manipulo. A noticia que abriu telexornais e xornais en Europa foi relegada ao minuto 13 do Telexornal Mediodía e só se lle adicaron 29 segundos. No Telexornal Serán, nin 1 segundo. “Perplexidade na redacción”, recoñecen no blog de traballadores da CRTVG.

A isto engádese que na TVE o tratamento desta noticia foi semellante. Algo que contrasta coa profusión de tempo que TVG e TVE adican a falar de temas 'prexudiciais' para outras formacións políticas e de moito menos gravidade que un financiamento ilegal.