O Goberno español recortará na Lei de Dependencia máis do que pensaba investir nela

Compromete perante a Unión Europea unha tesourada de 1.108 millóns e só tiña orzamentados 1.087 millóns. Galiza é o segundo territorio onde máis persoas agardan para cobrar unha axuda que teñen xa recoñecida


O Goberno español aproveitou a véspera do 1º de Maio, día feriado, para traballar no desmantelamento definitivo da Lei de Dependencia. Segundo anunciou perante a Unión Europea, acometerá neste 2013 un recorte de até 1.108 millóns nesta prestación cando eran unicamente 1.087 os millóns que tiña orzamentados.

Na información pendurada no seu portal web ao redor do Plan español de reformas, información que non transladaron por ningunha outra vía, o executivo de Mariano Rajoy separa en dous apartados a redución de fondos que acometerá: "reformas restritivas" (958 millóns) e "simplificación no procedemento de valoracións" (150 millóns). É dicir, revisarán os graos de dependencia recoñecidos para os mudar e aforrar nos pagamentos.

En teoría o Estado finanza o 50% das prestacións, asumindo os territorios o outro 50%. Na práctica, o executivo de Rajoy en 2012 xa achegou unicamente un 21%. Galiza é o segundo territorio onde máis persoas agardan para cobrar unha axuda que teñen xa recoñecida.

Como está a situación na Galiza?

Con 94.251 prestacións recoñecidas, é o segundo territorio do Estado onde máis persoas, até 30.000, agardan por unha axuda que non dá chegado. Os datos corresponden ao Colexio de traballo social da Galica e foron publicados no nº13 do semanario de Sermos Galiza (31 de agosto de 2012) nunha ampla reportaxe en que diferentes colectivos valoraban o futuro dunha lei que xa naceu infradotada. Após a decisión do Goberno español de lle zugar máis orzamento aínda, semella que o futuro, simplemente, non existe.

José Antonio Ramírez, mediador comunitario e activista do Encontro Benestar Social, xa informou daquela da práctica de revisar o grao de dependencia recoñecido para pagar menos diñeiro á persoa dependente. Contou o cas dunha muller co grao III recoñecido que lle foi negado despois, devolvéndoa a grao I e concedéndolle 200 euros menos. O que cobrou 'de máis' tivo que o devolver. 

A esta situación cómpre engadirlle as consecuencias dun decreto ditado pola Xunta, aumentando o repagamento que afecta a 7.000 peroas que teñen unha dependencia grave e sen tomar en conta a renda, senón o número de horas de asistencia no fogar das cales requiren. Por tanto, o Goberno galego tamén é cómplice da situación de inseguranza en que se atopan as persoas dependentes, pois ten competencias para desenvolver a normativa propia a partir dos mínimos impostos desde Madrid.

Cada dentallada que foron dando á Lei de Dependencia supuxo unha maior carga de traballo para as mulleres ás que, por certo, lles rebaixaron tamén un 15% a contía que reciben as coidadoras, anulando a súa cotización á Seguridade Social. Aqueloutras que non son "profesionais", como din en Madrid, fican abocadas a exerceren de maneira gratuita os traballos dos coidados. "E se levan tres ou catro anos coidando dun enfermo? Do que se trata é de culpar da crise a cidadanía e derivar persoas cara aos centros privados", vaticina o mediador comunitario José Antonio Ramírez. 

Erguendo a bandeira da auteridade, o que se está a facer desde os gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP, é transferir ás familias o gasto desta prestación, pagando por un servizo que xa pagaron cos seus impostos. A respecto disto último, Mariano Rajoy comprometeu perante a Unión Europea un incremento do 50% no repagamento que fan @s utentes.