Rajoy anuncia nun acto de campaña en Catalunya unha moratoria nos desafiuzamentos

Mariano Rajoy
O presidente do goberno español, Mariano Rajoy, aproveita un acto de campaña en Catalunya para avanzar algunhas das cuestións que poderia abranguer a nova norma. Porén, esta non posuirá carácter retroactivo e non será de aplicación nos casos que xa se estean a tramitar. Aliás, o anuncio prodúcese despois da aprobación no Consello de Ministr@s dunha nova norma pola que se axilizaban aqueles desafiuzamentos por aluguer aos 10 días após a sentenza.

 

Após o acontecido a pasada sexta en Barakaldo e perante a presión dos movementos sociais e partidos da oposición, o executivo de Mariano Rajoy poderia anunciar a vindeira segunda feira unha moratoria de dous anos fronte a unha execución hipotecaria. Porén a norma non posuiría carácter retroactivo polo que non afectará a aqueles desafiuzamentos que xá estean a ser tramitados.

Neste senso, o acordo ao que terían chegado PP e PSOE --segundo informan diarios españois-- afectaría a aqueles casos em que a situación das persoas que non poidan facer fronte a unha débeda hipotecaria se atopen nunha situación “extrema”. Malia que Mariano Rajoy, non fixo declaracións oficiais, senón que aproveitou un mitin en Catalunya para asegurar que o seu goberno estudaba solucións para as “situacións inhumanas”, dixo, que se viran estes dias; o certo é que o presidente español, estaria a valorar a posibilidade de frear temporalmente os desafiuzamentos e mesmo dunha posíbel renegociación da débeda entre ”as famílias mais vulnerábeis” e as entidades financeiras.

No entanto, fican sen definir polo de agora os critérios que se empregarán para estabelecer quen pode e quen non acceder a unha moratória. Aliás, a norma que se aprobe finalmente, non posuirá carácter retroactivo polo que non será de aplicación naqueles casos en que se estea a tramitar o desafiuzamento e non suporía maiores obrigas para os bancos que a posta a disposición do aluguer social dunha porcentaxe do seu parque de inmóbeis.