O drama social dos desafiuzamentos cóbrase outra vida

Mobilización contra a execución dun desafiuzamento
O suicidio dunha muller en Barakaldo a poucas horas de que unha entidade financeira lle executara unha orde de desafiuzamento, convértea na terceira morte vítima dun drama social que a lexislación Estatal ampara en beneficio da banca. O BNG presenta máis unha vez que unha proposición de lei para aprobar a dación en pagamento após ser rexeitada polo goberno español en 2011.

 

La Caixa foi a entidade responsábel do desafiuzamento e as redes sociais, que se están a converter en verdadeiros tensiómetros da opinión pública, iniciaban unha campaña de boicot contra a caixa nada máis coñecerse a noticia; porén, a banca privada está a adoptar este tipo de decisións porque a lexislación llelo permite.

Neste sentido, é a lei –española e galega-- a que protexe o cobro da entidade financeira --en forma de poxa da vivenda-- mais tamén a que garante o cumprimento das 'obrigas' ás que están suxeitas as persoas endebedadas, a través do desafiuzamento.

O 'drama' dos desafiuzamentos

“A lei está para cumprila”, aseveraba a 'popular' alcaldesa de Madrid, Ana Botella, poucos días atrás a respecto do 400.000 desafiuzamentos que se produciron no que vai de ano no Estado español. Aliás, aseguraba que ficar sen morada era “un drama”. O que Ana Botella e o Partido Popular cren un “drama”, é para a xurisdición europea, simplemente, 'ilegal' –segundo o informe elaborado pola avogada xeral do Tribunal de Xustiza da UE, Juliane Kokott. Neste documento, a xurista rexeita de maneira tallante o marco normativo que regula os desafiuzamentos no estado, pois asemade de incumprir coa normativa europea, di, a Lei Hipotecaria e a Lei de enxuizamento civil 'non protexe os consumidores” que queiran denunciar as cláusulas abusivas que se recollen nos contratos hipotecarios.

Xuíces e xuízas exixen solucións ás execucións hipotecarias e advirten 'non somos cobradores do frac'

Os movementos sociais e a devandita sentenza --xunto con outras como a ditaminada por un tribunal de primeira instancia vasco-- motivaron nesta semana que os dous partidos maioritarios do arco parlamentar español, cuxo acordo posibilitou a existencia de ambas as dúas leis, estean a procurar unha solución para “frear o drama dos desafiuzamentos”, din. Mesmo corenta e seis xuíces e xuízas de todo o Estado, acordaron nunha xuntanza desenvolvida en Barcelona a pasada semana, facer pública unha resolución pola cal alentaban a buscar unha “solución” política ao problema das execucións hipotecarias. “Os xuíces non somos cobradores do frac”, aseveraban desde a maxistratura, en alusión á súa tarefa “que leva á exclusión social das familias” que din “fican no limiar da pobreza”.

“Basta xa de acenos propagandísticos”

Perante a nova da morte esta mesma sexta da muller de Barakaldo, a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, exixiu ao executivo español que “actúe xa contra os criminais bancarios” e demandou a comparecencia urxente do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón en Comisión e do presidente do goberno, Mariano Rajou, en Pleno.

Davila: “Déixense de acenos propagandísticos e tomen medidas contundentes dunha vez”

“Déixense de acenos propagandísticos e tomen medidas contundentes dunha vez”, aseverou a nacionalista que, asemade, amosou o “total apoio” da organización frontista á cidadanía para evitar estas accións.

Neste sentido, o BNG presentara o pasado ano 2011 unha proposición de lei na Cámara baixa do Parlamento español a prol da 'dación en pago' –proposta que malia ser rexeitada polo Partido Popular, volveu presentar esta mesma semana. Asemade, o BNG urxiu a aprobación de medidas como o estabelecemento dun réxime especial no caso da execución de préstamos cando teñen relación coa vivenda habitual ou os negocios, contemplar moratorias no pagamento das hipotecas cando estas se produzan en situacións económicas adversas ou mesmo, a posibilidade de converter unha hipoteca en aluguer.