O Galo chama o tecido asociativo de Compostela a se organizar contra a ordenanza da vía pública

O colectivo cultural, que leva 50 anos traballando na cidade, posiciónase ''totalmente en contra'' do texto, aprobado na pasada quinta cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o rexeitamento do BNG

A Agrupación Cultural O Galo convoca a todos os colectivos e asociacións da cidade para organizarse fronte ao intento do goberno municipal do PP de impedir a celebración de actividades en espazos públicos. A xuntanza será esta cuarta feira, 6 de xuño, ás 20.30h na Casa das Asociacións en Cornes.

Con esta convocatoria, desde a agrupación buscan sumar forzas para amosar a opsición á ordenanza da vía pública que se aprobou a pasada quinta cos votos a favor do Partido Popular, a abstención do PSOE e os votos en contra do BNG.

Após 40 anos de traballo na capital galega, a Agrupación Cultural O Galo vén manifestando estes días a súa "total oposición" ao texto da Ordenanza por considerar que o que fai é "menoscabar os dereitos de toda a cidadanía" á hora de utilizaren a vía pública para realizar actividades culturais ou doutro tipo. En palabras do presidente do Galo, Néstor Rego, esta ordenanza provocará "máis dificultades para acceder libremente á cultura sobre todo nunha cidade como Santiago, na que as actividades culturais na rúa son xa parte indiscutíbel da súa axenda". Alén disto, Rego destacou que o texto aprobado polo Goberno de Ángel Currás é "unha clara traba a libre actividade do asociacionismo".

Desde a Agrupación Cultural deixan claro o seu desacordo con algunhas das medidas como son as de cobrar por utilizar a vía pública ou o propio alumeado público así como un exceso de trámites burocráticos para poder solicitalo. Todo isto o único que fai é, segundo Rego, “menoscabar os dereitos de liberdade de expresión, de reunión e de información que ten a cidadanía” aínda que sexa disfrazado de “medidas económicas e burocráticas”.

Desde o Galo indican que, tendo en conta que a maior parte das veces quen solicita ese uso son entidades sen ánimo de lucro, estas medidas son "claramente disuasorias" para que non se leve a cabo a actividade, causando deste xeito "un menoscabo no dereito á liberdade de expresión, de reunión e de información". Por todo isto, o colectivo posiciónase "totalmente en contra" do texto e piden ao tecido asociativo de Compostela que acuda á xuntanza en Cornes "para organizármonos e amosar ao Goberno municipal o noso rexeitamento á norma".