''A rúa é nosa!'', mais ao PP tanto lle ten

Imaxe dos primeiros minutos da cazolada realizada no Obradoiro. (S.G.)
A maioría conservadora saca adiante en Compostela a polémica ordenanza que regula a ocupación e uso da vía pública nun pleno animado pola cazolada que as organizacións socio-culturais armaron diante do Concello. Berraban contra unha norma ''antidemocrática'' contra a que só votou o BNG

Cando os seus berros empezaron a se ouvir, fecharon as xanelas. Fóra, centos de voces, outras tantas cazolas e un berro: 'A rúa é nosa, e non de Currás'. Dentro, a corporación municipal do Concello de Compostela ao completo facía o que podía por prestar atención.

Os nove primeiros puntos da orde do día do Pleno aprobáronse por unanimidade. E o décimo era o motivo polo que todas esas persoas armaban barullo: a aprobación --porque saíu adiante, a pesar da oposición de canto colectivo socio-cultural hai en Compostela, a do BNG e a abstención dun PSOE preocupado polos carriños dos xeados e a súa colocación na Cidade Vella-- da polémica ordenanza que regula a ocupación e uso da vía pública, e que prevé un sistema de taxas e fianzas a cobrar pola realización de actividades na rúa.

''Pode ceder o uso da palabra aos colectivos sociais?''
Desde a bancada do PP, Albino Vázquez Aldrey fai as veces de voceiro. Empeza a explicar por que é necesaria a norma, que se hai que actualizar a de 1998, que se convén dividila en dúas ordenanzas diferentes... E mentres nestas anda, érguese unha man. Ángel Curras, o alcalde, ten boa vista desde o seu púlpito, mais fai que non ve. O mozo xa está de pé. "Pode ceder o uso da palabra aos colectivos sociais aquí representados, que entregaron centos de sinaturas esta mesma mañá contra unha norma que é antidemocrática?", pregunta. E Curras responde que non, que non pode.

"O único pensamento que dialoga consigo mesmo é o fascismo", espeta o mozo, sindicalista da CUT. E un Currás visibelmente nervoso anuncia un tempo morto de dous minutos e abandona a sala. Volve. O activista pregunta outra vez: "Pode abrir a quenda de palabra aos colectivos sociais?". E Currás convídao a abandonar a sala. Tres policías acompáñano até a porta. E entran outra vez.

Unha voz de muller elévase por riba do discurso do rexedor: "Eu tamén quero facer uso da miña palabra, como veciña de compostela e integrante da Rede Feminista Galega". Currás mándaa saír. A terceira muller, activista de Adiante, xa non di nada. Ou di moito. Érguese e abre o cartaz que ten nas mans: 'Estamos fart@s. A rúa é nosa'. Un policía arríncalle o papel das mans, e bótaa fóra. Na cara de Currás debúxase un enorme sorriso que aínda tarda en se lle borrar. Segue o pleno.

Unha sesión 'a fiestra pechada'
O micro ponse verde para Rafael Vilar, concelleiro do BNG. Cun discurso contido, insiste en que o seu grupo votará contra a ordenanza porque restrinxe dereitos e liberdades, polo "exceso de arbitrariedade que deixa ao Concello plenamente facultado para suspender calquera acto previamente autorizado" e que prohibe o uso de megafonía "agás no exercicio do dereito de reunión", un engadido proposto xustamente pol@s nacionalistas. Alén disto, Vilar insiste tamén en que non se fala das persoas que viven do seu traballo na rúa, facendo música ou coa venda ambulante, e ironiza: "non sabemos se tamén isto se vai prohibir".

Quenda de palabra para Xosé Sánchez Bugallo. Os berros de fóra seguen. O ex-alcalde pide que se feche a fiestra. Pode perderse na súa intervención, di. Adianta que o seu grupo se absterá na votación, e rememora aqueles anos en que era el quen sentaba na cadeira que hoxe ocupa Currás --desde 1998 até 2011--: "tradicionalmente o que viñamos facendo no Concello (...)". O que viñan facendo era, segundo explicou, aplicar as taxas fixadas para aqueles colectivos que procuraban lucro coa súa actividade, ficando exentos todos os demais. Segue aclarando o voto, e alude a problemas na redacción da regulación dos carriños dos xeados. Ángel Currás sorrí, e faino unha e outra vez, sempre que alguén pronuncia 'carriño dos xeados'.

Responde Vázquez Aldrey polo PP, e arremete contra o "equilibrio dialéctico" que Rafael Vilar mantivo no seu discurso, "por non manifestar que o seu posicionamento ideolóxico concorda coa protesta de aí fóra. Ou non sabe vostede que o seu compañeiro Néstor Rego está canda eles, tocando seguramente algunha cazola?". Efectivamente, o ex-tenente de alcalde e actual presidente da senlleira Agrupación Cultural O Galo estaba canda el@s. Non levaba cazola. O conservador di ficar sorprendido polo discurso do nacionalista, pois seica a ordenanza fiscal estabelece que as actividades sen ánimo de lucro fican exentas.

''Que cine ían facer? Ken Loach? Querían armar as masas?''
Volve a quenda de palabra a Rafael Vilar. Abandona o "equilibrio dialéctico" e saca o xenio. "Querían cobrar vostedes 400€ por un ciclo de cine a un pequeno colectivo. Non sei que cine ían facer. Ken Loach? Querían armar as masas?" Vilar insiste no voto en contra, mais sabe que á maioría do PP non lle vai importar, e a ordenanza sairá adiante. "No periodo de alegacións faremos chegar as nosas propias, e as de todas as persoas que están fóra".

E fóra, case dúas horas despois, seguían batendo nas cazolas centos de persoas, ben anónimas ben activistas de organizacións como a Rede Feminista Galega, Adiante, O Galo, Foro Galego de Inmigración, CIG, CUT, CNT, Candidatura do Povo, Gentalha do Pichel ou Causa Galiza. O resultado da votación no pleno non colleu por sorpresa a ninguén. Sabían que a ordenanza recibiría luz verde. Sobraban os 13 apoios do PP, fronte ás 9 abstencións do PSOE e os 3 rexeitamentos do BNG. Currás dá por finalizada a sesión e volve sorrir, lembrando, quizais, un carriño dos xeados.