O Goberno español habilitará en agosto unha alternativa ao viaduto do Castro na A-6

Os dous tramos da A-6 derrubados. (Foto: ruben@arroxo).

O secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, criticou que se utilice politicamente este asunto. "Creo que é un erro e sería un fraco favor aos cidadáns tentar politizar ou converter isto nun debate político. Hai que actuar con rigor técnico e transparencia ante un caso excepcional e extraordinario",

 

O secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, avanzou que o Goberno habilitará en agosto unha alternativa para que o tráfico afectado polo colapso o pasado mes do viaduto do Castro, na A-6, non teña que pasar por Pedrafita do Cebreiro . "Falamos de semanas. Seguro que estará alí en agosto", confirmou.

Nunha entrevista na Cadena Ser, Flores detallou que nas próximas semanas se reducirá "de forma importante" o desvío existente, que será de "cinco minutos". Así mesmo, explicou que as alternativas propostas pola Xunta e polo Goberno de Castela e León "non son viables", aínda que recoñeceu que hai un punto en estudo.

Ademais, Xavier Flores defendeu "o rigor e a transparencia" na actuación do Executivo central. Neste sentido, asegurou que están a disposición da Xunta para resolver calquera dúbida "ante un tema complexo como este" e indicou que seguirán mantendo reunións periódicas.

 

 

En todo caso, o secretario xeral criticou o uso político deste asunto. "Creo que é un erro e sería un fraco favor aos cidadáns tratar de politizar ou converter isto nun debate político. Hai que actuar con rigor técnico e transparencia ante un caso excepcional e extraordinario", afirmou.

Cuestionado polas causas do colapso, Flores evitou pronunciarse á espera dos informes técnicos pertinentes. Por iso, trasladou que se deben realizar probas de distintos tipos de materiais diversos para afirmar "con detalle e contundencia" as causas.

O que si recoñeceu é que hai indicios de que puido deberse a problemas de cimentación, xa que hai un pilote que se moveu dous metros, pero, en todo caso, indicou que é necesario comprobar "se foi unha causa ou un efecto.

Ademais, os técnicos tamén comproban se puido haber algún fallo no sistema de cableado nalgún dos seus elementos. "O que necesitamos é ter as probas para falar con rigor", insistiu.

Sobre o informe das causas, Flores afirmou que quizais até finais do verán non estea dispoñible e asegurou que en canto se saiban o que pasou será o momento de ver se hai que derivar algunha responsabilidade.

 

Trens Avril

Por outra banda, o secretario xeral de Infraestruturas tamén se pronunciou sobre a posta en marcha dos trens Avril na Galiza, que permitirían chegar a alta velocidade máis aló de Ourense, pero evitou fixar prazos concretos para a súa chegada, xa que, segundo indicou argumentou, "depende de que Talgo poña estes trens a disposición do Goberno".

Nesa mesma liña, pediu ser "precavidos" e deixar de lado o discurso de "que tan ampla é a rede", pero mirar "os tempos e o servizo" que se presta á cidadanía.