O futuro do galego leva unha labazada coa aprobación da LOMCE no Consello de Ministros

O ministro de Educación, José Ignacio Wert

O Día das Letras Galegas, mentres milleiros de persoas percorrían as rúas de Compostela para reivindicar o dereito a nosa lingua, o futuro do galego recibía unha labazada ao aprobar o Consello de Ministros o anteproxecto da LOMCE, sen apenas modificacións despois da folga que paralizou o ensino. 

O Consello de Ministros deu luz verde a lei de reforma educativa preparada polo ministro Wert, aprobando o proxecto que en pouco dista ao que fixo levantar o sistema educativo, provocando unha folga xeral que botou a milleiros á rúa. A lei será unha pancada contra a normalización do galego xa que é unha lei que ignora a configuración plurinacional do Estado español e supón pasos atra´s na recentralización e uniformización do sistema educativo. 

O galego, segundo a lei de Wert, desaparece como lingua vehicular e mesmo como materia, fica detrás da relixión ou da segunda lingua estranxeira o que suporá xigantescos pasos atrás na normalización lingüística das novas xeracións. O galego deixará, por vía da LOMCE, de ser materia troncal. 

Agora, no novo texto, a materia de Relixión e a súa alternativa contarán como calquera outra, tamén no cómputo para as bolsas. Relixión e Valores Sociais non serán excluentes senón se considerarán ambas optativas. A reforma contempla tamén que o propio goberno pagará os colexios privados para o alumnado que queira escolarizarse en castelán en Cataluña, custes que pasarán logo á Generalitat. A Lei continúa permitindo a subvención a colexios que segregan por sexo aínda que agora o texto recolle que os centro terán que xustificar as razóns do seu modelo. 

O ministro Wert xustificou a necesidade da lei para paliar o índice de abandono escolar e os cativos resultados en probas internacionais. O goberno conta poder poñer en práctica a reforma no curso 2014-2015. 

Oposición do BNG nas Cortes 

Na súa tramitación no Congreso, a lei topará coa oposición do BNG segundo asinou a súa deputada Rosana Pérez. “Após a masiva mobilización e contestación na rúa o pasado 9 de maio de toda a comunidade educativa, da sociedade en xeral, o normal sería que se retirase a coñecida como Lei Wert” sinalou a deputada. 

“Nun contexto de crise vanse gastar centos de millóns de euros nunha nova Lei educativa que non se precisaba baixo ningún argumento, e que ademais, moito nos tememos que unha boa parte vaia recaer sobre as CC.AA. O financiamento está en entredito, e nen está claro de onde vai saír” explicou. “A única razón do PP para atacar á educación pública, laica, igualitaria e diversa lingüisticamente, é por criterios ideolóxicos cimentados na doutrina da ultra dereita” engadiu Rosana Pérez. A deputada lembrou que o próximo día 22 o ministro comparecerá no Congreso interpelado polo BNG.