A Plataforma galega en defensa do ensino público saca á rúa máis de 40.000 persoas contra a LOMCE

Milleiros percorreron as rúas de Ferrol esta quinta feira

A CIG-Ensino valora nun 90% o seguimento do paro contra a “lei da wertgoña”, fronte as cifras rexistradas no Estado español arredor do 60%. As grandes cidades e vilas da Galiza súmanse as protestas contra “unha lei letal para o ensino público”

 

A resposta popular contra a lei do ministro de Educación do Parido Popular, José Ignacio Wert, foi masiva na Galiza. Segundo datos da CIG- Ensino, o paro na educación obtivo un seguimento do 90%, entre alumn@s e profesorado, nos centros de estudo de todo o país. As mobilizacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en 24 puntos distintos ao longo da xeografía galega aglutinaron, nas principais cidades e vilas, máis de 40.000 persoas. 

O secretario nacional da CIG- Ensino, Anxo Louzao, valorou a greve como “un éxito rotundo” que pon de manifesto, afirmou, o rexeitamento do pobo galego ante unha normativa que supón á volta ao franquismo cun “retroceso de 50 anos”. En declaracións a Sermos Galiza, Louzao engadiu que esta lei é letal “para o ensino público, o idioma propio e para a igualdade de oportunidades”. Polo tanto, instou ao goberno central e ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, a dimitir por “demostraren a súa ineptitude para estar á fronte” destes organismos. 

Aliás, asegurou que unha lei que “está impregnada dos principios do neoliberalismo”, e que promove a privatización e a mercantilización do ensino a prol do beneficio duns poucos, “vai expulsar a grande parte da cidadanía do dereito á educación”. 

O 'NON' a Wertgoña resoa na capital 

Compostela contou cunha das mobilizacións máis masivas do país. Dende a praza do Toural, partiu unha marcha que trazou un oito polas rúas do casco antigo. Faixas, cabezóns e bonecos coas facianas de Wert, Feijóo e Jesús Vázquez, bandeiras e mesmo unha batucada foron os instrumentos cos que compostelás e composteláns dixeron un 'NON' contundente á lei da Wertgoña. 

Á volta a praza do Toural, foi lido un manifesto colectivo no que se salientou a ideoloxía “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional” que esconde a reforma da lei educativa. Logo, cos puños esquerdos en alto @s manifestantes entoaron o himno galego. 

Ao fin, integrantes das Assembleias Abertas do Ensino Meio acudiron a San Caetano para trasladaren o seu descontento. Escoltad@s por carros da policía local chegaron ás portas do edificio da Xunta onde foi recitado un novo manifesto que clamou por “unha educación gratuíta, non racista e non sexista”, polo uso do galego no ensino, “o cese da represión” contra o movemento estudantil e a separación da Igrexa da escola.