O estudantado universitario, contra as reformas do PP

Co curso xa comezado nas tres universidades galegas, valoramos coas organizacións estudantís as principais reformas aprobadas polos gobernos galego e español e as súas implicacións para a comunidade universitaria.

@s representantes dos Comités e da Liga estudantil galega, coinciden en que o curso 2012-2013 será “axitado” e sinalan a “elitización” e a “mercantilización” do ensino superior, como as principais consecuencias das reformas desenvolvidas. “Quérese expulsar da univerdidade as fillas e fillos das familias con menos recursos”, asevera Daniel Candal, responsábel nacional dos Comités. A aprobación da suba das taxas para as segundas, terzas, cuartas e sucesivas matrículas está a marcar o comezo de curso, cuxo custo para o estudantado galego suporá aproximadamente mil euros máis –de media global.

Candal: “Quérese expulsar da univerdidade as fillas e fillos das familias con menos recursos”

Así mesmo, “existe un forte descenso das persoas que recibirán bolsa”, asegura Candal, após se aprobarenos novos requirimentos exixidos polo ministerio de Educación español, entre os que se sitúa a superación do 90% dos créditos para o mantemento da axuda nos sucesivos cursos.

Saleta Chao, voceira da Liga estudantil galega, sinala asemade que se están a “notar os resultados das políticas aprobadas” no curso anterior, entre elas a Normativa de permanencia implantada na USC con que se fixaban parámetros novos para a matrícula. “Está habendo problemas e reclamacións” entre o estudantado ao que se lle impide matricularse nas materias dalgúns cursos. Doutra banda, Candal lembra que, malia prorrogarse a aprobación da Lei do Sistema universitario galego, despois da convocatoria electoral, fican claras cales son as pretensións do Partido Popular no ensino pois, “abren as portas á universidade privada, desprotexen a lingua galega nas aulas e reducen os dereitos do estudantado”.

Chao: "Están a se notar os resultados das políticas aprobadas"

Neste sentido, Candal e Chao valoran a inminente aprobación da lei orgánica para a mellora da calidade do ensino (LOMCE) –que virá a substituír a actual LOE-- como “un retroceso de corenta anos” polo que rexeitan con rotundidade as liñas que propón o borrador presentado hai uns meses polo ministro Ignacio Wert. Asemade, Daniel Candal, asegura que os Comités combatirán a aprobación da nova lei desde o ensino medio, un dos principais afectados pola reforma.

As organizacións defenden a mobilización conxunta
Os Comités e a Liga estudantil galega defenden a unidade de acción –que xa mantiveron no pasado curso-- como a estratexia que cómpre seguir nos vindeiros meses e propoñen mobilizacións para o mes de outubro aínda por definir. A complexa realidade que afrontan neste curso académico encamíñaos cara á protesta, quer como folga, quer como concentracións, porén, iniciarán esta semana contactos para definiren os termos en que se rebelarán contras as reformas e os recortes no ensino.