O estudantado galego planta o ministro Wert

As tres universidades galegas representadas nas organizacións Comités, Liga Estudantil e Iesga exixiron a demisión do titular español de Educación. Acto seguido, erguéronse dos asentos para non seren cómplices dos recortes. Quéixanse de que as propostas estaban fechadas "para que o estudantado as lexitimase", para alén de que o Consejo de Estudantes "non conta ca máis mínima lexitimidade"

@s representantes das tres universidades galegas que toman parte do Consejo de Estudiantes del Estado (CEUE), plantaron cara ao ministro de Educación, Ignacio Wert, e, após exixiren a súa demisión, abandonaron a sala de reunións. 

Os Comités, a Liga Estudantil Galega e Iesga, organizacións que toman parte do CEUE --órgano consultivo do ministerio de Educación español, en representación do estudantado universitario galego, saíron da sala pouco despois de dar comezo a sesión como mostra da súa "oposición frontal aos brutais recortes en educación que está levando a cabo o goberno do Estado". 

Iago Varela, representante dos Comités, asegurou que as organizacións estudantís galegas foran convocadas á xuntanza “só con 10 días de adianto” e tildou o pleno de “pantomima” pois o seu único obxectivo “era que o estudantado lexitimase a política de recortes” que vén desenvolvendo o goberno de Rajoy dende o comezo da lexislatura. “O decreto das taxas e a redución orzamentaria en ensino xa estaban aprobados”, polo que as delegacións galegas en representación das universidades do país, decidiron amosar o seu rexeitamento á actitude do ministro e do goberno español, abandonando a sala de reunións pouco despois de comezar a xuntanza.

A postura de "oposición frontal" partillárona, ademais de Varela, Adrián Dios --Liga Estudantil-- e Amelia Fraga --Iesga--. Segundo un comunicado que asinan as tres organizacións estudantís, a convocatoria chegou con seis meses de atraso respecto do disposto no regulamento do organismo  --pasaron máis de 9 meses desde o último--, as decisións "xa estaban tomadas" e as medidas teñen "unha clara compoñente ideolóxica".

Para alén destas consideracións, a Liga remarca que o CEUE "non conta ca máis mínima lexitimidade" como órganos de representación estudantil. O presidente é Wert, e o primeiro vicepresidente máis outr@s 5 integrantes "son postos a dedo, polo que de facto son sete postos no Consejo". As universidades privadas teñen a mesma representación.

Xunto coas organizacións estudantís galegas saíron da sala @s representantes da Universidade Oviedo e das universidades andaluzas agás a de Córdoba. Segundo os Comités, o ministro afirmou que ía “haber máis reformas” inda que ese punto se tratou logo da saída d@s galeg@s, polo que non puideron saber os detalles das mesmas.