EDUCACIÓN

O estudantado galego para este 10 de Maio contra a suba das taxas e os recortes no Ensino público

Imaxe de arquivo: Comités Galiza
Galiza Nova presentou nesta quarta feira a súa campaña a prol do paro, que ten xa 18 localidades confirmadas en todo o país e que secundarán tamén outros colectivos como os Comités ou a Liga Estudantil Galega

O estudantado galego botarase ás rúas o vindeiro 10 de maio nunha folga con que pretenden que as súas queixas cheguen aos corredores de San Caetano. Así, a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, demandou esta quarta feira ao presidente da Xunta que escoite o clamor nas universidades galegas contra os recortes no ensino e se negue a aplicar a suba das taxas universitarias.

Aboi compareceu para presentar os actos que está a levar a cabo a súa organización en apoio da folga estudantil do día 10, á que concorrerán baixo o lema O ensino é un dereito, non un privilexio. Non aos recortes do PP e que ten confirmadas xa protestas en 18 localidades do país. Ademais de Galiza Nova, este paro do estudantado galego estará apoiado por outros colectivos como os Comités --que chaman á folga Na defensa da Universidade pública galega-- e a Liga Estudantil Galega --que convocan porque Temos que paralos--.

"O Goberno de Rajoy está a amosar un desprezo absoluto polo ensino público, cuns recortes que nos parecen inxustos, inxustificados e inútiles, e que castigarán aínda máis á mocidade galega", razoou Iria Aboi, manifestando unha postura que comparten tamén as dúas organizacións estudantís antes citadas.

Nesta liña, os Comités presentaron tamén a súa campaña a prol do paro argumentando a súa necesidade nos recortes impostos desde Madrid e lembrando que o Partido Popular vén de aplicar na Galiza a maior suba dos prezos nas matrículas universitarias da historia. Deste xeito, quitando os cursos do 2008 e do 2009, anos en que a conselleira Laura Sánchez Piñón --PSOE-- mantivo as taxas conxeladas, "desde o curso 1999-2000 a matrícula vén subindo ininterrompida e escalonadamente até o día de hoxe". Mais agora a subida podería chegar até o 66%, ao redor de 540€ máis.

Desde a Liga Estudantil fan tamén referencia a esa suba das taxas, e sitúana no ronsel de recortes que desde a Xunta de Galiza se veñen executando no eido do ensino público, sumándose a outras medidas "coma o despedimento de profesores, aumento do ratio de alumn@s por aula, desaparición de comedores ou transporte". Por isto, chaman a "loitar" nas rúas e a manifestar o rexeitamento dos e das universitarias galegas a estas medidas que conducen cara a "unha Universidade elitista que impida a entrada das maiorías sociais".

Sobre esta mesma postura pronunciouse tamén Galiza Nova por boca da súa secretaria xeral, quen advertiu que o obxectivo do PP "é claro: mercadear coa educación pública e beneficiar ao ensino privado", o que supón un azoute especialmente forte nun contexto de crise económica como o actual e que fará que "a formación superior deixe de ser un dereito para converterse nun privilexio que só unha elite poida pagar, condenando ao resto a ser man de obra barata". Nesta dirección situou o recente anuncio do Goberno central de reducir o orzamento destinado ás bolsas e endurecer as esixencias académicas para acceder a elas, ademais de eliminar a exixencia de que os centros oferten, cando menos, dúas modalidades de Bacharelato, o que supón que as e os estudantes terían que se desprazar de quereren unha opción que no seu instituto non se imparte.