Protestas

CIG-Ensino e outras organizacións sindicais exixen diante de Educación que paren os recortes

Piden que a Consellería non aplique o RD-Lei 14/2012 e que o recorra ante o Constitucional e anuncian concentracións comarcais o 8 de maio e peches rotativos nos centros o 14 de maio

Delegadas e delegados da CIG-Ensino, e outras organizacións sindicais do ensino público celebraron nesta quarta feira unha nova concentración, diante da Consellaría de Educación, en Santiago de Compostela, para esixirlle ao Goberno galego que non aplique ningunha das medidas recollidas no RD Lei 14/2012 e que o recorra ante os tribunais. Co ánimo de frear os recortes, a Plataforma Galega ne Defensa do Ensino Público xa convocou concentracións comarcais para o próximo mércores, 8 de maio, pola tarde e iniciará peches rotativos nos centros o 14 de maio, entre outras accións.

Así as cousas, no acto desta quarta o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que o RD Lei 14/2012 de 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo pode traducirse no despedimento de máis de 2000 docentes, supón unha grave invasión das competencias da Consellaría de Educación, incrementará o fracaso escolar e empeorará a calidade no ensino.

Louzao sinalou que as medidas aprobadas poñen en tela de xuízo a igualdade de oportunidades e conculcan un dereito, o da educación, que vai deixar de ser universal, o expulsar do ensino público ao alumnado que necesita máis apoio ou que procede de familias con menos recursos. Así mesmo, e en relación as declaracións feitas polo presidente da Xunta de Galiza --sobre as ratios e as taxas universitarias-- o Secretario Nacional da CIG-Ensino dixo que as súas afirmacións teñen "nula credibilidade" e advertiu de que o PP xa está a incumprir as propostas recollidas no seu programa, como, por exemplo, a de reducir a 15 o número de alumnas e alumnos por aula en Educación infantil.

Louzao tamén lembrou que o ensino galego xa sufriu até o de agora reiterados recortes que se traduciron na perda de profesorado, empeoramento das condicións laborais e redución da dotación dos centros. "Non imos permanecer pasivos" engadiu, ao tempo que lembrou que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, ademais das accións xa sinaladas máis arriba, tamén apoia a convocatoria de folga estudantil na Universidade o 10 de maio e insta aos consellos escolares e aos claustros de docentes a aprobar resolucións de apoio ao ensino público. Tamén confluirá xunto coa Plataforma en Defensa da Sanidade nunha manifestación nacional que se celebrará o vindeiro 3 de xuño.