O estudantado galego contra a devolución das bolsas de estudos

Peche na Facultade de Historia
O Ministerio de Educación presentou un novo decreto que permite pedir a devolución dunha bolsa de estudo se @ estudante non aproba un mínimo do 50 por cento das materias matriculadas. Sindicatos galegos de estudantes consideran a medida "abusiva" e "elitista".

As medidas presentadas o 29 de xuño, unha vez rematado o curso, por parte do Ministerio de  Educación, Cultura y Deporte non gustaron no estudantado galego. Entre as que mudan son a redución da contía do compoñente de residencia e de compensatoria para os bolseiros de Formación Profesional que seguían cursos de 2.000 horas ( ), a supresión do suplemento de cidades para os bolseiros non universitarios con compoñente de residencia, que consiste en 204 euros que reciben os alumnos que cursen estudos presenciais nunha poboación de máis de 100.000 habitantes e as máis polémicas: as denominadas “medidas de estimulo do rendemento académico”.

Reintegrar a bolsa de estudos
A partir do novo decreto, vixente xa no curso vindeiro, haberá que superar o 50% dos créditos nos que estivese matriculado no curso para o que se lle concedeu a bolsa (ata o momento, requiríase unicamente que se tivese presentado a unha terceira parte dos devanditos créditos). O máis grave é que a partir de agora “a non superación desta porcentaxe implicaría a consideración de que o estudante bolseiro non destinou a axuda á finalidade prevista, o que levaría consigo a obriga de reintegrar a bolsa percibida”. Segundo declarou despois o ministro de Educación, Cultura y Deporte, José Ignacio Wert, “o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ten previsto continuar avanzando nesta liña de incremento da esixencia académica asociada ao sistema de bolsas e axudas ao estudio”.

Os sindicatos teñen pouca marxe de manobra pola finalización do curso


Reacción do estudantado
O estudantado galego, xa de vacacións, ten pouca marxe de manobra polas datas nas que se fixo público este decreto. A Liga Estudantil Galega e os Comités Abertos coincidiron en afirmar que este feito, as datas, foi algo premeditado. Dani, dos Comités, afirma que a medida é “abusiva, nin tivemos acceso ao borrador”. Considera que “vai na liña doutras decisións que priman os intereses económicos fronte aos académicos”. Para os Comités a idea é crear “unha universidade máis elitista onde as familias con poucos recursos non podan acceder”. Saleta, da Liga, apunta que a idea é “privatizar a educación e pechar as portas ao acceso a unha universidade pública”. Unha das consecuencias deste novo decreto, afirma Saleta, e que “non se teñen en conta problemas académicos ou persoais”.
Polas datas nas que estamos ambos sindicatos agardarán a comezar o curso vindeiro para levar adiante as accións que consideren necesarias.