O estudantado da USC revólvese contra o desmantelamento de Filoloxía Galega e Clásica

[Imaxe: Flickr Comités]
Por volta de 200 alumn@s convocad@s polos Comités rexeitan esta medida "mercantilista" diante da facultade en que se imparten ambos graos. Tamén a Liga estudantil condena este "ataque ás Humanidades"


"O que se pretende é que desaparezan carreiras como filoloxía galega, clásica ou linguas modernas e pór a Universidade ao interese dos mercados". Así respostaba a militante da organización estudantil Comités Andrea Martinez ás preguntas dun medio de comunicación en xuño de 2012, ao cuestionala sobre a situación da carreira que estuda, o grao en Lingua e Literatura Galega.

Esta cuarta feira foi ela, canda a responsábel do mesmo colectivo en Filoloxía, Jéssica García, quen leu o manifesto con que se pechou máis unha concentración perante a facultade, situada no campus norte da USC, en que por volta de 200 estudantes denunciaron a posíbel desaparición de dúas titulacións: Filoloxía galega e Filoloxía clásica. Foi o propio decanato da facultade quen alertou, na comisión permanente do 20 de febreiro, de que os dous graos estaban condenados ao desmantelamento por non reuniren un número mínimo de alumn@s.

Baixo o lema 'Todos os graos teñen dereito a existir', os Comités convocaron esta mobilización malia sufriren "presións" por parte da equipa decanal para intentar outras solucións antes de recorrer á protesta, chegando incluso a negar un espazo para a realización dunha rolda de imprensa. Entre as propostas, unha campaña para xuntar @s 50 estudantes que a Xunta quere nas titulacións en Compostela, @s 45 que quere nas de Lugo e a vintena de alumn@s que deberán matricularse dun mestrado para que non o borren da oferta formativa da USC.

As dúas voceiras da organización estudantil arremeteron contra a "mercantilización" do ensino público e informaron de que no campus de Lugo hai máis titulacións nesta mesma situación. A USC é a única universidade do País que imparte estas dúas titulacións, pois na U-Vigo e na UdC non se oferta Clásica e Galega fica unificada con Hispánicas en Vigo e con Portuguesa na Coruña.

Xustamente nesta liña posicionouse mediante un comunicado de imprensa a Liga estudantil, rexeitando a desaparición dos dous graos e enmarcando tal medida "no ataque dos gobernos do PP ás Humanidades". Subliña estoutra organización que "non se pode esperar que se enchan as aulas á vez que se reducen as horas de docencia tanto do galego como das linguas clásicas en Primaria e Secundaria", onde estarían a meirande parte das saídas profesionais para as dúas titulacións.