O delegado do Goberno afirma que os escrachos equivalen a actuacións dos nazis e do “terrorismo etarra”

Samuel Juárez considera que estas protestas cidadáns son o mesmo que o que facían os nazis cando “marcaban as casas dos xudeus” ou cando “desde o entorno do terrorismo etarra se lle dicía a unha persoa sabemos onde vives”

 

Samuel Juárez é o delegado do goberno español na Galiza. Un cargo con responsabilidade. Samuel Juárez cre que unha concentración de persoas diante da morada dun político para sinalar a súa responsabilidade en leis ou normas que xeran nefastas consecuencias para milleiros de familias é o mesmo que o que facían os nazis cando marcaban as casas dos xudeus. Samuel Juárez pénsao. E díxoo, nunha entrevista na TVG. Samuel Juárez, pois, entende que está ao mesmo nivel militantes dun réxime brutal que procuraban casas onde habitaban persoas doutras razas ou relixións para asasinalas que cidadáns que protestan pacificamente diante dunha morada. Samuel Juárez é, compre repetilo, delegado do Goberno en Galiza. Un cargo con responsabilidade.

Na mesma entrevista, Juárez tamén recorreu a outro 'clásico' da estratexia da criminalización que desde o PP activan contra todo o que non lles gosta, e na que as plataformas antidespexos son, por agora, o último exemolo. Ese 'clásico' é relacionar con ETA.

Terrorismo

Os escrachos son “unha cousa parecida ao que se ten escoitado cando desde o ámbito do entorno do terrorismo etarra se lle dicía a unha persoa: sabemos onde vives”. Afirmouno Samuel Juárez na entrevista na TVG.

Os escrachos, aliás, procuran “denigrar á persoa, coaccionala,facer que non esté segura na súa casa. E iso, desde logo, vulnera dereitos fundamentais”.

As afirmacións de Juárez van polo rego marcado pola secretaria xeral do PP, De Cospedal, de criminalizar os escrachos e comparalos con actitudes dictatoriais. Após as declaracións de Dolores de Cospedal nese sentido, varios cargos electos e a dirixentes do PP incidiron nesas acusacións.