debate

O DEBATE | Debe manterse o actual status de protección para o lobo?

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)
Éstá o lobo en perigo na Galiza? É o actual status de protección para o lobo o acaido para a situación desta especie no país ou debe mudarse? Debáteno este sábado nas páxinas de 'Nós Diario' o biólogo e estudoso do lobo na Galiza Martiño Nercellas e o responsábel da área de desenvolvemento rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo.

Martiño Nercellas

Biólogo, estudoso do lobo na Galiza

A comezos de setembro a Comisión Europea emitía un comunicado no que a Comisaria, Ursula Von del Layen, declaraba que resultaba preciso rebaixar os mecanismos de protección do lobo naqueles territorios de Europa onde se lle aplicaba unha “protección estrita” ante o rexurdimento das súas poboacións. Inmediatamente, tanto na Galiza coma no resto do Estado, saíron voces,  particularmente o PP,  reclamando iso mesmo para aquí, e que isto viña a darlles a razón nas súas reivindicacións de modificar a protección do lobo en España . O caso é que a protección que demanda a Comisaria, para eses territorios, é a que xa se vén aplicando aquí. Realmente a posición da Comisaria referíase a outros países. Isto é o punto de partida para debullar que hai detrás de toda esta falacia contra o lobo.

Un estudo da Universidade de Columbia de xullo de 2022, “Wolf attacks predict far-right voting” (Os ataques dos lobos predín o voto da extrema dereita”), afonda coma nos últimos anos na Alemaña as políticas populistas tratan de explotar os sentimentos dos agricultores na súa relación co lobo, concluíndo que o seu rexurdimento favoreceu un aumento significativo no comportamento electoral da extrema dereita. Do estudo tírase que se “utiliza o lobo coma unha forma de obter votos baseándose en grande medida nun marco segundo o cal o lobo dana a economía dos agricultores” , e “proporcionase unha evidencia de que o rexurdimento do lobo veu acompañado de ganancias electorais para os partidos da extrema dereita”.  

Na Alemaña e no centro Europa a extrema dereita tería incrementando o seu respaldo do voto rural, feito que preocupa ó Partido Popular Europeo.  A Comisaria Europea Ursula Von der Layen, saltándose á propia Comisión de Medio Ambiente, sorprendeu con estas declaracións de revisión da protección estrita do lobo. Seguramente coñecedora de que a súa pretensión pouco recorrido pode ter, e a pesar da insistencia mediante diferentes iniciativas promovidas polo PPE nos últimos anos, a Comisión permanente do Convenio de Berna tenlle dado un contundente carpetazo a este asunto, e de aí a Unión Europea non se pode mover.

Vén a dicir Von der Layen que a súa peticiónfigura dentro da análise en profundidade que a propia Comisión está a facer en resposta da Resolución do Parlamento Europeo de 24 de novembro de 2022, no que o Parlamento Europeo manifesta, no seu apartado 4, que “Acolle con satisfacción o feito de que o punto «Proposta de modificación: Exclusión do lobo (Canis lupus) da lista do apéndice II para a súa inclusión no apéndice III do Convenio» fora incluído na orde do día da 42.ª reunión do Comité Permanente do Convenio de Berna; facendo fincapé en que o estado de conservación do lobo a escala panaeuropea xustifica unha mitigación do nivel de protección e, por conseguinte, a adopción da modificación proposta” . Máis uns días máis tarde, a decisión do Acordo de Berna foi rexeitar dito acordo do Parlamento Europeo por non estar xustificado dende un punto de vista científico e da conservación.

Se isto non fóra pouco, a literalidade do comunicado tamén deixa as claras que a súa preocupación é “para determinados territorios de Europa, onde orixinariamente o lobo levaba desaparecido moito tempo”, que teñen experimentando un rexurdimento. Este logro só pode ser explicado grazas ao éxito da estrita protección aplicada, que agora a Comisaria pretende rebaixar. Obviamente este escenario non se corresponde coa poboación do lobo ibérico, nin na Galiza, nin no resto do Estado, pois aquí temos lobos de modo ininterrompido durante miles de anos, e o marco xurídico de protección non é nin ten sido o referido ao de “protección estrita”, senón o outro, o “das especies que poden ser obxecto de xestión”.

Por moito que se diga que a poboación lobeira aumentou, a información oficial dos seus censos amosa unha realidade que non demostra esa tendencia no seu conxunto

Que no resto de Europa onde non había lobo, este teña rexurdido e expandido a áreas onde estaba desaparecido secularmente,  e que aquí experimente un estancamento no seu número e non se expanda cara o leste ou o sur peninsular,  amosa a diametral diferenza entre o que supón aplicar modelos de protección estritos fronte aqueles nos que se rebaixan as medidas e si se permite a súa xestión ou control. Cabe dicir que por moito que se esgrima dende certos sectores  que a poboación lobeira ten aumentado moito na Galiza e no resto do Estado, a información oficial dos seus censos amosa unha realidade que non demostra esa tendencia no seu conxunto (feito acreditado por numerosos estudos científicos publicados e as series históricas dos censos oficiais, e poucas veces tidos en conta ou desprezados). A súa desprotección segue sendo un feito real, para unha especie sometida a unha persecución sen tregua de caza legal e ilegal, a lazos e veleno.

Por iso sorprende o balbordo xerado ante as verbas da Comisaria, dende determinados sectores políticos, agrarios, e algunhas administracións autonómicas, xa que a demanda da Comisaría non coincide coa realidade de protección que temos. Lembrando que en España a súa protección e xestión vén regulada por medio do Lespre (a especie tense incluído recentemente no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, en base a un ditame científico que sustentou que o seu estado de conservación non era favorable) e a súa “Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades rurais”. Documento que establece no seu apartado 6.10, as “Medidas de intervención e/ou de extracción  selectivas de individuos”. Cabe preguntarse entón, cal é a rebaixa de protección que aquí se quere e como queren que se xestione a especie. Dicir, con respecto ao LESPRE e a súa Estratexia, que a Xunta faría ben en asumir xa a súa inclusión nas directrices do LESPRE , que supón un paso importantísimo para avanzar nun novo modelo de conservación e convivencia coa poboación rural rachando coa caótica xestión anterior, que nin favorecía a conservación da especie nin a coexistencia nin solución para as explotacións gandeiras. A súa reticencia está a supoñer un forte agravio con respecto ao resto de CCAA con lobo, que están accedendo aos mecanismos de compensación, mentres que aquí, por este berrinche, renégase a percibir uns catro millóns de euros específicos que o Estado dispón para Galiza nesta cuestión.

Visto o anterior, pódese dicir que  o conto do lobo vai doutra cousa. Dun electoralismo populista que tenta sacar partido da preocupación da xente do rural que padece esta problemática. Mais no momento da verdade non se lles ofrecen solucións reais, áxiles e  satisfactorias, ao tempo de que a especie avanza no seu grado de ameaza. Estamos novamente ante unha polémica falseada e tratada esaxeradamente de modo tendencioso. Da igual que sexa na Galiza, no resto do Estado ou na Alemaña.

Coma exemplo disto, temos o da Von der Leyen. Na Alemaña a súa actitude queda ben plasmada no titular publicado no dixital Politico.eu, “Von der Leyen declara a guerra ao lobo...outra vez”, artigo no que se contextualiza as verbas da Comisaria: Seica estaría pensando máis na súa reelección á fronte da Comisión, para o que precisa recuperar simpatías dentro da familia do Partido Popular Europeo, o grupo máis grande do Parlamento, pois tería dentro do seu partido unha imaxe desgastada ante os seus  pois ao fronte da Comisión corresponsabilízana , polas políticas ambientais e de Pacto Verde que vén adoptando a Unión Europea,  fortemente cuestionadas dende o ámbito agrícola. Para recuperar esta confianza, Von der Layer, tenta dar un golpe de efecto que a aliñe cos pasos do PPE,  que leva tempo facendo soar as alarmas sobre un número crecente de ataques ao gando, na procura de liderar a defensa das comunidades agrícolas e rurais, sabendo do importante voto que estes supoñen.  

En fin, lamentablemente para o lobo, a súa conservación, pero tamén para as explotacións gandeiras, este modo de actuar, de moito ruído e poucas solucións reais, pouco axuda, e sería ben tratalo co rigor e responsabilidade, e sobre a base que proporciona o coñecemento científico e non o calculo de votos.


Jacobo Feijoo

Responsábel da área de desenvolvemento rural de Unións Agrarias

Contan que o último lobo das illas británicas foi abatido en vida de William Shakespeare, xa no lonxano século XVII. O lobo máis tarde tamén foi exterminado de países enteiros como Francia, Alemaña, Austria ou Suíza, lugares onde ao longo do século XX se foi posteriormente reintroducindo.

En claro contraste, en Galicia o lobo nunca foi perseguido polos habitantes do rural co ánimo do seu exterminio. Exterminio que tería sido moi fácil nun territorio tan humanizado como o noso, cunha aldea ou vila cada 100 ha. E hoxe Galicia con 93 mandas de lobos censadas, ten máis exemplares que países como Francia, Portugal ou Suecia, país onde se planea reducilos á metade mediante caza sistematizada.

O certo é que no rural galego sempre houbo tolerancia cara á existencia do lobo, ninguén tiña  idea de exterminalo, aínda que si de defenderse dos seus ataques ao gando, ou aos nenos. Hoxe coma onte, o lobo non está en perigo en Galicia, e ninguén avoga pola súa extinción ou desaparición, senón pola convivencia ordenada coa actividade gandeira, e co control dos riscos potenciais para a poboación.

Hai que apoiar os gandeiros en extensivo e ecolóxico, os máis expostos ao ataque do lobo polo tipo de manexo do seu gando, para que poidan tomar medidas preventivas e compensar os custes que ten o manexo dos rabaños nas zonas de presenza lobeira. Eses aumentos de custes son considerables respecto das zonas e rexións da UE onde o lobo non está presente, e non precisan de horas extras de supervisión dos animais no monte, cans de protección, instalacións de recollida do gando, ou medidas extraordinarias de manexo para a protección dos partos dos animais, por citar exemplos.

Hai que compensar o gandeiro os danos directos e indirectos do ataque do lobo. Tanto as reses mortas polo seu prezo real de mercado, como pagar os danos colaterais e o lucro cesante dos ataques aos animais, como os abortos por estrés, ou a perda de produción de leite. E estas axudas teñen que ser áxiles na súa tramitación, sen atrasos nos pagos.

Non hai que renunciar á caza puntual de exemplares, algo que permite tanto a inclusión do lobo no catálogo LESPRE como o Plan de Xestión do lobo

Hai que darlles unha saída aos gandeiros e criadores de cabalo galego de monte, que en moitas zonas sofren o exceso de predación do lobo sobre os seus poldros, o que impide xa non a rendibilidade da actividade, senón ata o natural reemprazo das bestas. Explorar as posibilidades da alimentación disuasoria do lobo, utilizando restos de reses mortas, ou mesmo restos de xabarís abatidos nas accións de caza, pode ser unha forma de aliviar os ataques sobre as explotacións e os cabalos en determinadas épocas do ano.

E non hai que renunciar á caza puntual de exemplares, algo que permite tanto a inclusión do lobo no catálogo LESPRE como o Plan de Xestión do lobo, cando baixo criterios científicos e técnicos sexa aconsellable en casos de acosos reiterados a explotacións gandeiras, ou cando os ataques aos cans ou gando na proximidade das casas así o aconsellen. 

Respecto deste último, non hai que esquecer a verdade incómoda de que o lobo é un animal depredador con instintos de caza, e que pode chegar a atacar ao ser humano. En Galicia entre 1938 e 1975 hai perfectamente documentados 5 mortes de nenos por ataque directo do lobo. Obviamente a Galicia de hoxe nada ten que ver con aquela na que os nenos coidaban sos do gando no monte. Pero non hai que desprezar os riscos do achegamento do lobo ás casas en determinadas zonas de Galicia.

Están pois dispoñibles todas as ferramentas para garantir unha axeitada xestión. O seu uso intelixente, sen dogmatismos, está aberto para que o lobo siga a ser esa presenza, que nunca faltou na natureza galega, sen ser unha carga insoportable para a gandeira extensiva nin un risco potencial para a poboación. De nós depende o acerto en que así siga sendo de cara ao futuro.