O Concello de Compostela rexeita as achegas do BNG e mantén a ordenanza ''de privatización'' da rúa

Mesa informativa instalada na Rúa Nova un 1º de Maio. Imaxe: S.G
O rexeitamento social segue a sumar apoios. "Mercantilización", "criminalización" e "persecución" poderían resumir a norma segundo a lectura do Foro Galego de Inmigración. Desde a Agrupación Cultural O Galo, que leva 50 anos traballando en Compostela, o texto do PP vai dificultar que a cultura "chegue libremente a toda a cidadanía" e supón "un menoscabo de dereitos disfrazado de medida burocrática"

O BNG de Compostela presentou achegas ao borrador da ordenanza de ocupación da vía pública que prepara o goberno local, encabezado polo conservador Ángel Currás. Nunha rolda de prensa na véspera de que a norma, previsíbelmente, saia aprobada, o concelleiro nacionalista Rafael Vilar adiantou que o seu voto será en contra "porque introduce limitacións a dereitos fundamentais que cercean liberdades públicas".

Vilar explicou que como puntos novos sobre a anterior ordenanza de 1998, figuran a recadación das máquinas expendedoras, os caixeiros e as mesas informativas. Das modificacións propostas pola formación frontista "a maioría non foron incorporadas", recoñeceu o concelleiro, xa que o executivo compostelán só atendeu aquelas de carácter formal, como a linguaxe non sexista "e modificacións menores".

As discrepancias do BNG con esta ordenanza refírense aos múltiplos requisitos de carácter económico e burocrático, "en moitos casos arbitrarios", que se estabelecen na norma, como fianzas, garantías e taxas. O texto que preparou o goberno de Currás non atende "a especificidade de moitos colectivos sen ánimo de lucro" que desenvolven as súas actividades na rúa.

A formación frontista, igual que xa o fixeron antes unha manchea de colectivos sociais de Compostela, cuestiona o afán recadatorio da ordenanza e as "elevadas" sancións que poden ser de aplicación no caso de incumprimento. Rafael Vilar situou a normativa "na mesma liña" que a modificación do Código Penal: a de diminuír as protestas sociais.

O Galo e o FGI: máis folgos contra a ordenanza do PP
Desde o tecido social non deixan de agromar voces en contra desta normativa. Os dous últimos colectivos en se sumaren foron o Foro Galego de Inmigración e a Agrupación Cultural O Galo.

Desde esta última, o seu presidente, Nestor Rego, manifestou que unha ordenanza municipal que prevé cobrar taxas ou solicitar unha fianza para a realización de actividades culturais na vía pública "vai dificultar que a cultura chegue libremente a toda a cidadanía, e suporá unha traba para a libre actividade do asociacionismo".

Para alén desta cuestión, desde O Galo --asociación que leva 50 anos asentada en Compostela-- subliñan que "a maior parte" das entidades que levan a súa programación ás rúas non procuran o lucro, polo que a norma do concello compostelán pretende "un menoscabo dos dereitos de liberdade de expresión, reunión e información disfrazado de medidas económicas e burocráticas". Por tanto, a postura desde colectivo é "totalmente contraria" ao texto achegado polo Goberno local.

Coa mesma rotundidade manifestou o seu "enérxico rexeitamento" o Foro Galego de Inmigración a unha norma que o concello estaba a aplicar mesmo antes da súa aprobación en pleno. En cinco puntos tomba este colectivo os artigos 108 a 112, que afectan á actividade das organizacións socio-culturais.

Na lectura que fai o FGI, a ordenanza prevé a suspensión "de maneira caprichosa" de actos convocados, a "mercantilización" das rúas da cidade, a "criminalización e persecución de persoas que empregan as rúas como espazo de supervivencia" --en referenza ás persoas que traballan na venda ambulante--; e que contribuirá á "escalada represiva e de control da poboación, asentada no medo".

Por todo o apuntado, o Foro manifesta o seu apoio á iniciativa cidadá xurdida nos últimos días, que ten convocadas para esta quinta feira varias actividades cun único obxectivo: facer recuar o Goberno de Compostela. Ás doce do mediodía entregaranse queixas no rexistro das dependencias municipais e ás cinco do serán unha cazolada percorrerá o traxecto que une as prazas do Toural e do Obradoiro para berrar ás portas do concello que A rúa é nosa!.