O tecido social de Compostela, en pé contra a ''privatización'' da rúa

Imaxe da asemblea cedida pola CUT
Unha manchea de colectivos con actividade na capital galega manifestan o seu rexeitamento á ordenanza municipal ''que pretende someter a utilización do espazo público por parte da cidadanía a un sistema de taxas e fianzas''

"No pleno da quinta feira, 31 de Maio, pretenden aprobar a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago de Compostela mediante a que se fai saber que a partires da súa aprobación pasaran a cobrar e controlar o uso e goce das nosas rúas". Así arrinca o documento redactado á maneira dun (contra)bando que na noitiña desta segunda feira foi consensuado por unha manchea de colectivos de todos os eidos que xuntaron folgos para artellar unha resposta conxunta "á última agresión antidemocrática do Goberno municipal do Partido Popular".

A norma non está aprobada, mais aplícase
E aínda que a ordenanza é nova --aínda non entrou en vigor--, a alarma saltou hai tempo. O Concello de Compostela válese "arbitrariamente" de ordenanzas "que non son tan claras como esta", como a que rexe para a colocación de estadas na rúa, para exixir o pagamento de fianzas por actividades de carácter lúdico ou social "segundo a asociación que as organiza".

Así, a modo de exemplos, á Gentalha do Pichel impúñanlle 1.500 euros de fianza para realizar un xantar popular no 'espazo C' --a carón do Museo do Pobo Galego--, que o centro social rexeitou para trasladar finalmente a iniciativa á Praza 8 de marzo; e, máis recentemente, para a Rede Feminista Galega e o Cineclube barallou o Goberno municipal o cobro de 400 euros --con desconto do 50% porque a actividade non procuraba lucro-- pola proxección de filmes ao ar libre, nun ciclo de cinema.

A raíz desta última tentativa e ante a aprobación da normativa, prevista para esta quinta feira nun pleno que se realizará ás cinco do serán, ao redor de cincuenta persoas sentaron na Praza da Oliveira para achegar posturas nunha asemblea. "Quedou claro que esta norma non obedece a nada se non é á represión polo uso da nosa vía pública e da nosa electricidade e ao afán de control" da actividade socio-cultural dunha cidade, Compostela, onde a axenda vai ben máis cargada do que noutras localidades da Galiza.

Pagar por... todo
O tecido social, que xa era crítico coa normativa aprobada na anterior lexislatura, cun Goberno bipartito, porque a instalación de mesas informativas e o reparto de panfletos "debían estar sometidos á autorización previa municipal", ergue a voz agora contra unha ordenanza que se aplica sen que fora referendada en Pleno e que "pretende someter a utilización do espazo público por parte da cidadanía a un sistema de taxas e fianzas". Se sae adiante a norma, haberá que pagar pola colocación de mesas informativas, polos puntos de luz e megafonía e pola realización de eventos de carácter "cultural, festivo, deportivo ou similar".

Alén disto, fica prohibida a utilización de altofalantes e amplificadores de son "agás autorización municipal expresa", e o Goberno que encabeza Ángel Currás reserva para si propio o dereito a suspender "arbitrariamente" aquelas actividades que considere que non acatan a ordenanza e, por suposto, as programadas por colectivos "disidentes" que rexeiten o pagamento de taxas e/ou fianzas.

Por todo isto, os colectivos sociais que se xuntaron nesta segunda feira entenden que cómpre dar resposta a unha normativa que "veta de facto" o uso do espazo público por parte da cidadanía. O 'bando' no que se basea esta información servirá para explicar os artigos 108 a 112, que afectan á organización de actividades socio-culturais; desde o mediodía da quinta feira presentarán reclamacións no rexistro das dependencias municipais; e, á mesma hora na que @s polític@s se xuntan nun Pleno en que, con toda probabilidade, se dará o visto e prace á norma coa maioría absoluta do PP, a cidadanía está convocada a unha cazolada que irá desde o Toural até diante do Concello para manifestar o seu rexeitamento.


NOTA: para a elaboración desta información Sermos contactou con activistas da CUT e da Rede Feminista Galega que estiveron presentes na xuntanza celebrada no bar As Dúas e que prefiren ficar no anonimato