SERVIZOS PÚBLICOS

O Comité Interempresas da CRTVG estuda denunciar a Sánchez Izquierdo por inxurias

O director xeral do ente público nomeou unha comisión para  investigar os feitos acontecidos durante a ocupación das instalacións de San Marcos. Considera que ''persoal propio'' colaborou para que a protesta saise adiante. En resposta, até 30 organizacións crean unha Plataforma cidadá ''contra a manipulación'' e en defensa da radio e da televisión galegas

A protesta nas instalacións da Compañía de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), protagonizada por un cento de persoas afectadas pola xa coñecida como 'estafa das preferentes', supuxo un novo episodio no tira e puxa coa fin de que o ente non desapareza da listaxe de servizos públicos. O Comité Interempresas do ente público estuda emprender accións legais e interpoñer unha demanda por inxurias contra o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, despois de que este ordenase a apertura dun expediente informativo ao considerar que a ocupación non se tería producido se non contase coa "necesaria complicidade e colaboración activa ou pasiva de persoal propio".

Así as cousas, a ocultación do conflito das participacións preferentes de Novagalicia Banco por parte dos servizos informativos rematou co nomeamento dunha comisión que investigará esas responsabilidades que denuncia o máximo dirixente do ente público, quen abandonou o edificio pola porta de atrás no momento no que entraron as e os manifestantes. Ante a ausencia da Dirección da Empresa e segundo sosteñen desde o cadro de persoal, foi o Comité Interempresas e elas propias as que manteron unha actitude de mediación activa, evitando un enfrontamento. Os dous vogais desa comisión son, xustamente, os gardas de seguridade das instalacións que foron tomadas, en San Marcos, "dúas persoas que deberan estar investigadas tamén", lembran as mesmas fontes.

Nun documento distribuído pola Sección Sindical da CUT, sindicato maioritario no Comité Interempresas, denúnciase "o incumprimento nos aspectos máis graves da Lei de Prevención de Riscos Laborais" na omisión de actividade do ente durante a toma do edificio. Entre elas enumeran "a descoordinación e ineficacia do operativo de seguridade" --do que forman parte os dous gardas nomeados vogais da citada comisión-- e o peche con chave do control de realización do Plató 300 "con traballadoras e traballadores no seu interior, expóndoos a un grave risco laboral". Pola súa banda, desde a CIG --forza con presenza tamén no Comité Interempresas-- ven "obvio" o perigo que corren a radio e a televisión nacionais, mais engaden tamén que estas canles "non teñen razón de ser se non están ao servizo das necesidades democráticas, sociais e culturais do pobo galego".

"Contra a manipulación e a represión", Mira por elas!
Ante este panorama, as concentracións convocadas "contra a manipulación e a represión" están a ter unha resposta masiva e contan co apoio da recentemente creada Mira por elas!, a Plataforma cidadá en defensa da radiotelevisión pública galega, que agrupa baixo o seu paraugas a 30 organizacións de diversos eidos e que nace para denunciar o risco de caer en mans privadas que corren a radio e a televisión galegas, "máis aló do conflito sindical". A súa voceira, Lola Ferreiro, quéixase da vaga de recortes emprendida polos executivos galego e español, que "están a desmantelar os medios de comunicación que lles son propios, por consideralos superfluos e deficitarios".

Quen abra a páxina web da Plataforma atopará os obxectivos que esta persegue debuxados por Sechu Sende nun caderno. O profesor e escritor galego pasa de vagar as follas, unha a unha. Unhas letras pintadas a lápis recoñecen que a CRTVG "é nosa, aínda que non o pareza". Con frases sinxelas, case inocentes, vanse recollendo as farangullas que "eles, PP e PSOE" foron deixando nun camiño que semella conducir directamente cara á privatización das canles públicas.
 
"A lei aprobada en novembro é unha ameaza directa" contra as canles públicas e pretende "acabar con elas de maneira sutil, na primeira embestida coas autonómicas", di Ferreiro, feminista e doutora en Medicina, que se animou a ser voceira --xunto ao autor e narrador oral Cándido Pazó-- porque viu unidade dentro do colectivo ''e o que cómpre na esquerda é unidade", e porque se apostou por unha defensa acérrima da equidade de xénero en todas e cada unha das manifestacións do colectivo e, por suposto, para as futuras informacións tratadas nas canles públicas galegas. E engade: "o feito de que queiramos medios públicos en galego non significa que nos sirva calquera modelo". O modelo que vale é o dunha radio e dunha televisión "imparciais, plurais e con control democrático por parte da cidadanía".

Un repaso rápido aos dez puntos do manifesto dá unha idea do que se pide: unha radio e unha televisión "integramente públicas", tanto no seu financiamento como na súa xestión; e que non se volvan repetir "a manipulación e a ocultación de información" que as propias traballadoras e traballadores do ente público denuncian no tratamento de informacións de impacto social notorio, como puideron ser o decreto contra o galego, o Prestige, os casos de 'vacas tolas', a recente folga xeral do 29M ou a 'estafa das preferentes', a pinga que fixo rebordar o vaso.

Medios públicos ao servizo de intereses privados
Dun xeito máis concreto, o colectivo ao que lle pon voz, ademais de Lola Ferreiro, o narrador oral e actor Cándido Pazó, exixe que os medios públicos defendan a identidade nacional de Galiza, que promovan a equidade de xénero introducindo esta perspectiva no tratamento das informacións e na imaxe que se ofrece das mulleres, que os contidos sexan variados e se fagan eco de todas as voces ou que manteñan a independenza e transparenza á hora de desenvolver as misións de servizo público que teñen encomendadas.

Mais a día de hoxe as canles públicas nacionais afástanse destas características. Coa escusa da crise xustifícase o recorte nos medios de comunicación públicos para destinar eses recursos a outros servizos cualificados como "esenciais" desde o Goberno galego --Educación ou Sanidade--, "mais non se escatima en derivar grandes partidas orzamentarias a mans privadas, da banca ou da Igrexa", lembra con atino Lola Ferreiro. Non dubida en situar a lei de novembro nesta mesma liña, encubrindo con argumentos destas características "outro tipo de intereses políticos e empresariais" que afectarán, ademais de á calidade do servizo público, ás condicións de traballo na compañía. Por isto, a Plataforma apoia as mobilizacións do Comité Interempresas, ao considerar que, coas as medidas disciplinarias adoptadas desde a dirección da CRTVG, non se persegue outro obxectivo que o de "atemorizar o cadro de persoal e afogar as voces discrepantes".

Sechu Sende segue a pasar as follas do seu caderno. Ilustra a propiedade privada con advertenzas como 'Ollo ao can' ou 'Prohibido o paso'. Volve insistir en que PP e PSOE non gostan "dos bens, do ensino ou da sanidade públicas", e chama ás galegas e galegos a faceren ouvir as súas voces a prol duns medios de comunicación de calidade e na lingua do país que non se coloquen ao servizo de intereses privados.