SERVIZOS PÚBLICOS

Cen traballador@s da CRTVG exixen ''menos represión e máis información'' ao ente público

Imaxe da concentración diante do Parlamento galego contra a manipulación na CRTVG
Concentráronse diante do Parlamento galego, cadrando coa comparecencia do director xeral da compañía, Sánchez Izquierdo, ante a Comisión de Control, onde responderá a dúas preguntas sobre a ocupación das instalacións de San Marcos polas afectadas e afectados na 'estafa das preferentes'

Ao redor de cen persoas acudiron nesta sexta feira á chamada do Comité Interempresas da CRTVG e concentráronse diante do Parlamento galego para denunciaren "a represión que sofremos en primeira persoa" as traballadoras e traballadores da empresa pública.

Segundo explicou David Paz, sindicalista e voceiro do cadro de persoal, a información retransmitida a través da televisión nacional en relación á mobilización que por este mesmo motivo se celebrou recentemente diante das instalacións de San Marcos "foi manipulada". E é que no Telexornal explicaron que fora o Comité Interempresas o encargado de convocala, mais vinculárona co caso das participación preferentes de Novagalicia Banco e en apoio ás persoas afectadas. Nada se dixo do verdadeiro motivo desta protesta: "sentímonos atacadas e atacados pola empresa. Nós non fixemos nada e non imos ficar caladas".

Aínda así, Paz recoñeceu que a comisión de investigación aberta contra as empregadas e empregados do ente están a minar a participación nas concentracións convocadas. "A cultura do medo está a callar", di. Porén, e malia a seren masivas as protestas e a contar co apoio da plataforma Mira por elas!, en defensa dos medios de comunicación públicos, as condicións nas que traballan na televisión e na radio galegas non foron a mellor.

Coincidindo coa comparecencia de Alfonso Sánchez Izquierdo diante da Comisión de Control do Parlamento galego, onde estaban previstas dúas preguntas orais sobre os feitos acontecidos durante a ocupación das instalacións de San Marcos por ao redor dun cento de afectadas e afectados na 'estafa das preferentes', as e os integrantes do cadro de persoal do ente público berran diante do Hórreo que non queren represión nin manipulación na radio e na televisión públicas.

Por estes feitos, presentaron unha demanda ante a Inspección de Traballo para alertaren da "falta de seguridade" na empresa, e seguen a estudar a posibilidade de recorrer á vía legal para denunciaren "as inxurias" que entenden que se cometeron cando Sánchez Izquierdo afirmou no expediente informativo aberto tras a ocupación de San Marcos que "para a perpetración de tal desatino resulta necesaria a complicidade ou colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG".

Así, os sindicatos presentes no Comité Interempresas quéixanse de que a dirección da empresa "trate de desviar a atención sobre o seu abandono de responsabilidades". Cómpre lembrar que o máximo dirixente da compañía pública, Alfonso Sánchez Izquierdo, abandonou o edificio pola porta de atrás cando se produciu a ocupación, actuando o cadro de persoal como mediador para evitar que o conflito medrase.