BioNTech alerta de que será precisa unha terceira dose da vacina de Pfizer para a inmunidade

Un home é vacinado coa Pfizer nun centro hospitalario madrileño. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O cofundador da compañía BioNTech, aliada de Pfizer para a creación dunha das vacinas contra a Covid-19 que xa leva semanas no mercado, vén de advertir que as persoas que foran inoculadas con este fármaco terán que reforzalo aos nove meses.

Con varias semanas para dar conta da efectividade das vacinas contra a Covid-19 que xa están no mercado e cando se camiña cara outros remedios dunha soa inoculación, desde BioNTech -responsábel parcial do fármaco de Pfizer que se está aplicando á xente máis maior- alertan de que será preciso contar cunha terceira dose da vacina.

A nova chega da man do co fundador da compañía, Ugur Sahin, que hoxe mesmo alertou de que as e os cidadáns que sexan tratados con este medicamento terán que someterse a unha terceira quenda de vacinación “aos nove meses ou, como máximo, ao ano da segunda”.

Desta forma será como se garanta a protección fronte ao virus a longo prazo. Segundo aclarou nun encontro con correspondentes dalgúns medios na Alemaña, os estudos que se están a realizar amosan unha caída da inmunidade “co paso dos meses”.

Así, o científico non só falou desa terceira dose, senón que resaltou que “probabelmente” tamén haxa que renovar o remedio cada ano ou ano e medio, como vén sucedendo coa gripe. Tendo en conta o contido do contrato da UE para a distribución desta patente, semella que os ingresos serían constantes.

A creada en Alemaña foi a primeira fórmula de inmunización aprobada que integra o ARN mensaxeiro para dar resposta ante os ataques do virus. Até o de agora adminístrase en dúas doses que van separadas só por 21 días, salvo atrasos na organización.

Mais, Sahin incidiu en que os ensaios clínicos practicados a unhas 40.000 persoas demostran que hai un control dos contaxios ao 95%. Ao longo do tempo esa porcentaxe de efectividade vai caendo, polo que se precisa a terceira parte da vacina “para aumentar a inmunidade de novo e situala preto do 100%”.

Curiosamente este fármaco, para o que agora xorden puntualizacións, é a aposta da Unión Europea para compensar os problemas xurdidos coa AstraZeneca, malia que no Estado español só se axustou un pouco o grupo de poboación ao que vai dirixido este último medicamento.

Respecto da variante india que asusta agora ao mundo, o representante da tecnolóxica só acertou a dicir que ten a confianza en que o remedio teña éxito. “Xa estudamos outras dúas mutacións e a nosa vacina funcionou coas dúas, algo que fornece confianza”, resumiu.