O caderno 'Aprender' analiza os efectos da globalización alimentaria

A forma de producir a nosa comida, no foco do 'Aprender'.
Aliás, os artigos principais céntranse na construción de niños de paxaro e na planificación estratéxica das cidades.

Ademais do Nós Diario e do semanario Sermos Galiza, este sábado retorna aos quioscos o caderno 'Aprender', nunha entrega que pon o foco na globalización alimentaria desde a óptica galega. 

O tema de apertura é “Cidades intelixentes: planificación estratéxica para a xestión eficiente”, onde Manuel Meijide continúa analizando as virtudes e riscos da aplicación da tecnoloxía ás urbes para facelas mellorar.

Continuando coa posta en valor da biodiversidade, o educador ambiental Ramsés Pérez propón, ante a inminente chegada da primavera, data na que os paxaros fan o niño, falar de que tipos de niños hai e de como botar unha man ás aves para protexérense. "Niños e caixas-niño" ofrécenos as chaves para comprender e axudar esta fauna que voa. 

Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, analiza fronte á próxima Semana Santa o que poderemos observar nos ceos, co Carro da Osa Maior como guía para atipar dúas das estrelas máis brillantes do ceo, Arcturus e Spica. 

Tamén nas páxinas centrais atoparemos a reportaxe "Globalización económica e alimentaria", un texto conxunto de Xavier Simón, David Pérez-Neira, María Montero, Damián Copena e Cooperativa SomosTerranova. A publicación por parte da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo da Guía Didáctica Máis aló do prato serve para situar o foco en comprender o impacto que pode chegar a ter a nosa forma de producir alimentarnos.  

Por último, é tamén protagonista Diego Ferraz Castiñeiras, divulgador científico nas redes e creador de Naturiza, o traballo de Fernando Groba Bouza e a Federación Hípica Galega.

Na parte de artigos de opinión poderás ler “CineEco, o único e máis antigo certame medioambiental de Portugal”, unha peza de Juan de Castro, xestor e programador do The Wild Fest; e “Cambio climático”, de Diego Ferraz Castiñeiras. No Desde as aulas, recollemos "A docencia compartida, un mundo aínda por explorar".

Para gozar de todos estes contidos non tes máis que ir ao quiosque, a libraría ou a nosa tenda online para mercar o Nós Diario deste sábado. Como poderás observar, comezamos a ofrecer algúns contidos baixo pagamento. Iso é porque temos a subscrición ao papel pero tamén unha versión web. Sexa como sexa, apóianos neste ano que comeza!