O BNG quere saber "a verdade" sobre o recorte en educación no curso 2012-2013

Protesta de profesorado
A Consellaría de Cultura, educación e ordenación universitaria, fixo públicas as adxudicacións de destinos para o profesorado de primaria e secundaria, mais non achegou datos sobre a redución total de prazas no ensino público froito das xubilacións

A Consellaría de Xesús Vázquez aínda non fixo públicas as cifras totais de profesorado que traballará no curso 2012/2013 na Galiza. A única información que se sabe foi a relacionada coas adxudicacións de profesorado, publicada hai uns días, onde se evidencia unha redución dun 55%, con 999 adxudicacións menos respecto das realizadas en setembro do ano 2011. Esta situación, segundo a voceira de educación do BNG Carme Adán, exixe que o conselleiro "diga a verdade" sobre o número total de profesorado que impartirá aulas a partir de setembro.

As declaracións a varios medios de comunicación efectuadas polo goberno central e a postura de "seguidismo" do goberno de Feijóo, sinalan que o recorte en profesorado seguirá a mesma liña, polo que Adán pide que a Xunta "asuma que Galiza encabeza a redución de docentes”.

As consecuencias da redución de profesorado para o vindeiro curso poden provocar, segundo afirmou a nacionalista, "o incremento das rateos, a masificación das aulas e o incremento do horario do profesorado co único fin de reducir cadros de persoal dos centros". Para Adán é toda unha política "regresiva" que desprestixia o ensino público galego desde que se fixeron cargo dese departamento no curso 2009-2010.

Entre as preocupacións do BNG está a aplicación do IVE no material escolar

Preguntas no Parlamento
Ademais das cifras de profesorado e do número de alumnado por aula que lle tocará, Carme Adán realizará unha serie de preguntas no Parlamento sobre o impacto social e económico do inicio de curso. Entre as preocupacións do BNG está a aplicación do IVE no material escolar despois da suba até o 21% fronte o actual 4%, un incremento que terán que asumir as propias familias. Tamén preguntará a Xesús Vázquez sobre o acceso aos libros de texto, o número de centros de ensino que reduciron profesorado, a redución de bacharelatos impartido e melloras realizadas nas liñas de transporte escolar para o vindeiro curso.