999 docentes menos para o curso que vén

A consellaría de Educación adxudica 6 prazas menos en primaria e 993 en secundaria, a estas haberá que sumar as vacantes das xubilacións que non se cubran. Este último dato non se coñecerá até que non comece o novo ano académico

A consellaría de Educación vén de facer públicas as adxudicacións de destinos para o profesorado de primaria e secundaria. Os datos mostran unha das moitas consecuencias dos recortes no ensino: 999 docentes menos para o novo curso. A tesoirada no cadro de persoal dos centros públicos confirma os datos que adiantara a federación de ensino do sindicato CIG, alertando da privatización deste servizo.

"Estamos diante dun proceso de destrución de emprego continuado ao longo dos cursos perpetrado por un presidente da Xunta que prometeu acabar co desemprego en 45 días", apuntan na central nacionalista. Para alén de se aumentaren as horas de traballo de cada docente, producirase tamén un incremento do alumnado por aula até @s 25 en infantil e primaria, @s 30 en secundaria e @s 35 en bacharelato.

CIG-Ensino alerta ademais de que 161 funcionari@s especializad@s nas materias de lingua galega, filosofía, francés, educación física e música "que non obteñen destino e que, con moita probabilidade acaben por non impartir ningunha hora da súa especialidade, non saben cando se incorporarán a un posto de traballo". O ano pasado @s profesionais nesta situación non chegaban a cen, e agrupábanse en só tres das cinco materias antes citadas.

  • Profesorado en primaria => 1989 en 2011 e 1983 en 2012. Haberá neste curso 6 docentes menos
  • Profesorado en secundaria => 1790 en 2011 e 797 en 2012. Haberá neste curso 993 docentes menos

Deste xeito, a maior tesoirada aféctalle ao persoal que imparte aulas na secundaria, nomeadamente interin@s e substitut@s. A central nacionalista salienta que as cifras irán a peor cando comece o curso e se coñezan os datos das xubilacións, "onde se comprobará que a maior parte delas non foron cubertas". Na información feita pública pola consellaría de Educación aparecen até 77 prazas que na etapa da primaria foron suprimidas ou a persoa docente desprazada, case dúas veces o número do curso anterior.

En secundaria a maior diferenza apréciase entre 2010 e 2012, dous cursos en que foron suprimidas --ou desprazado o persoal docente-- até 140 prazas. Máis números: a ratio nas aulas multiplicouse por tres en dous anos, o 16% do profesorado con destino provisional dará aulas en máis dun centro e o 33% impartirá materias das cales non é especialista.