O Banco Santander quere botar da casa tres veciñas da Estrada e Pontecesures con crianzas ao cargo

Concentración ás portas do Banco Santander [Marcos Guisasola]
Após ocuparen durante tres horas as oficinas centrais que a entidade ten en Compostela, activistas de Stop-desafiuzamentos só conseguiron arrincar ''unha resposta verbal'' conforme responsábeis do banco falarán coas afectadas. A plataforma cidadá exixe ''un compromiso real''


As oficinas centrais do Banco Santander en Compostela viron riba da mesa esta terza feira os casos de tres mulleres, veciñas de Pontecesures e A Estrada e con crianzas ao cargo, contra as que a entidade bancaria ditou senllas ordes de desafiuzamento.

Activistas de Stop-desafiuzamentos concentráronse ás portas e  ocuparon as oficinas, onde ficaron pechad@s durante tres horas --até que, lonxe dos obxectivos das cámaras, foron desaloxad@s e a policía española identificou 7 persoas argumentando desobediencia á autoridade. Porén, durante o encerro, mantiveron unha breve conversa coa persoa responsábel da entidade bancaria. Segundo informou María, voceira da plataforma cidadá, "temos unha resposta verbal de que falarán cos afectados, mais non houbo ningún compromiso real".

Así as cousas, a presión que este colectivo vén exercendo para frear as execucións hipotecarias centrouse desta volta en catro casos, tres protagonizados por mulleres que narramos deseguido, colocando identidades fiticias para as identificaren. Susana Hermo vive en Pontecesures e ten unha crianza a seu cargo. Após verse en situación de violencia machista, soubo que o seu home deixara de pagar a hipoteca cando xa se acumulaban varios meses de débeda.

Con Susana falamos para unha información publicada no semanario nº22 en papel, correspondente á semana do 2 de novembro. Contounos que ela, pola súa conta, tamén tratou de negociar co banco. "A única solución que me deron foi que vendera o piso... con esta crise? A quen llo vendo?", pregúntase, tomando en consideración que o seu é un deses 76 mil fogares que chega a fin de mes grazas ás achegas de familiares e amizades.

Cun proceso de desafiuzamento en marcha e sen saber "onde vou ir", Stop-desafiuzamentos reclama para ela, para alén da dación en pagamento, o alugueiro social da súa vivenda. O mesmo que exixen para Uxía Domínguez, unha veciña da Estrada que o Santander quere botar da súa casa aínda sabendo que ten dúas crianzas ao cargo e un marido "en paradoiro descoñecido" que tampouco colabora para saldar a hipoteca.

A entidade bancaria reclámalle a Rosalía Torreiro o diñeiro da débeda contraída, baixo ameaza de desafiuzamento. Casada e a cargo de dúas crianzas, o seu cónxuxe ten un emprego temporal cun contrato precario a piques de finalizar. Tamén para ela se exixe a dación en pagamento e o alugueiro social. Por derradeiro, para veciñ@s de Brión que xa foron desafiuzad@s a plataforma cidadá reclama que se lles condone a débeda que o Banco Santander segue a reclamar.

Na Galiza, a banca bota da casa 50 persoas ao día, e no estado foron 400 mil os desafiuzamentos que se executaron xa, entrementres o ministerio de Vivenda recoñece que hai 38 mil casas sen xente.