Stop-desafiuzamentos A Coruña: "Estamos a aturar unha ideoloxía neoliberal e opusdeísta"

[Imaxes: Montoto]
A plataforma quéixase da actitude da familia Pereira, propietaria do edificio en que mora Aurelia Rey. O avogado, fillo da dona da casa, non se atopa na cidade estes días. Aínda sabendo que o desafiuzamento de Aurelia estaba marcado para a segunda feira, día 18, marchou a Roma para asistir aos actos de despedida do papa Bento XVI


Terceira xornada de protestas no número 9 da céntrica rúa Padre Feijóo, na Coruña.

No noveno piso vive Aurelia Rey, a muller de 85 anos a quen a familia Pereira, moi coñecida na Coruña, quere botar da casa por terse demorado no pagamento dun mes de aluguer, o de abril de 2012. A inquilina reitera que "non lles debo nada", e amosa os recibos de ter achegado até en dúas ocasións os 165 euros correspondentes a dita mensualidade.

"Estamos a soportar unha ideoloxía neoliberal e opusdeísta", quéixanse desde Stop-desafiuzamentos A Coruña, a plataforma cidadá que convoca as accións destes días para frear o despexo. Segundo informan, o avogado González Pereira, fillo da propietaria, non se atoparía estes días na cidade malia que o desafiuzamento de Aurelia tiña data marcada: o 18 de febreiro ás dez da mañá.

O letrado tería viaxado a Roma para asistir aos derradeiros actos públicos do papa Bento XVI. Tampouco María Pereira, dona do edificio en que mora Aurelia, se atopa estes días no seu domicilio.

"Eu diría que non se van atrever" a executar o despexo, sinalan desde a devandita plataforma. Poñen en destaque que a ringleira de "tropelías" ás cales a muller foi submetida para que abandonase o inmoble "é imposíbel reproducila". Confían en que as negociacións con persoas achegadas á familia Pereira dean os seus froitos, mais tamén, e sobre todo, en que a mobilización cidadá, que esta terza feira, se repite free, máis unha vez, o desafiuzamento de Aurelia.

O Instituto galego de vivenda e solo ofreceu a Aurelia dúas vivendas sociais situadas nas aforas da cidade. Tanto ela como o seu avogado e a plataforma Stop-desafiuzamentos A Coruña rexeitaron esta solución ao entender que se traducirían no "desarraigamento" da contorna social en que leva vivindo máis de 30 anos. As negociacións continúan esta terza feira.