Antidisturbios mallan no deputado Jorquera e en edís de BNG e EU, mais non conseguen botar Aurelia da casa

Aurelia vive no noveno andar do nº9 na rúa Padre Feijóo [SG]
A policía española emprendeu unha carga contra @s manifestantes por volta das 13.45h, aproveitando que a convocatoria estaba practicamente disolta ao lles comunicaren ás 13h que o desafiuzamento desta muller de 85 anos non se executaría hoxe. Dúas unidades de bombeiros negáronse a facer parte da execución hipotecaria e desobedeceron a orde de cortar a cadea do inmoble


Cinco furgonetas de antidisturbios agardaron a que o medio milleiro de manifestantes marchasen do número 9 da rúa Padre Feijóo para proceder co desafiuzamento da inquilina do noveno andar, Aurelia Rey, malia que a orde de execución hipotecaria ficara paralizada media hora antes. Após unha carga policial que @s alí presentes definen como "brutal", a muller, de 85 anos, ficará de momento na súa casa. As dúas unidades de bombeiros desprazadas até o lugar negáronse a usar unha radial para cortar a cadea do portal. Erguendo cartaces de Stop-desafiuzamentos, sinalaron que "non participamos disto".



Así as cousas, a secretaria do xulgado comunicou por volta da unha do serán ao Tribunal superior de xustiza de Galiza que o despexo de Aurelia ficaba adiado. Así llo confirmaron daquela a Sermos Galiza fontes de Stop-desafiuzamentos A Coruña, convocantes dunha mobilización que ficou activa desde primeira hora da mañá desta segunda feira e que aparentemente lograra manter a Aurelia na casa. A concentración comezou a se disolver.

Aproveitando a escasa presenza de manifestantes, por volta das 13.45h un desfile de furgonetas de antidisturbios chegou á rúa Padre Feijóo. Mallaron primeiro nos concelleiros Xosé Manuel Carril (BNG) e César Santiso (EU), e mallaron despois nun deputado da Cámara galega, o voceiro do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. Con todo, e malia deixaren varias persoas feridas, non conseguiron frear as protestas. "Vergoña me daría ser policía" ou "Non son funcionarios, son mercenarios" foron algúns dos berros que se ouviron en contra da actuación policial. 


Até o lugar desprazáronse dúas unidades de bombeiros. Primeiro unha e despois a outra, desobedeceron as ordes recibidas e negáronse a cortar a cadea do portal do inmoble propiedade da familia Pereira, quen alega problemas de convivencia para deixar sen casa a única inquilina do edificio que non é da familia, malia levar no piso máis de trinta anos.

Aurelia ten 85 anos e, en virtude dun contrato verbal de renda antiga, paga 165 euros mensais pola renda dun inmóbel cuxo prezo podería superar os 600, dada a súa situación, no centro da cidade.

A muller non ten débeda ningunha, pois achegou xa os cartos correspondentes ao aluguer do mes de abril de 2012, que demorara en pagar e foi a causa da orde de despexo que agora pesa sobre ela. Con todo, ao ter enervado outra ameaza de desafiuzamento xa en 1999 tamén por demorar no pagamento duns meses que botou na aldea após a morte dunha tía, non ten maneira de o evitar agora. A lei di que a enervación (evitar o desafiuzamento abonando as cantidades adebedadas) só pode exercerse unha vez. 

As rúas lindeiras ao inmoble de Aurelia Rey ficaron toda a mañá tomadas por ducias de antidisturbios namentres a concentración de apoio á coruñesa non deixou de medrar. 

Berros como "Aurelia queda, Aurelia non se vai", "Contra a barbarie, presión popular", "Por riba de nós non pasarán!" ou "Queremos un pisiño como o do principiño" repetíronse durante as tres horas que tardaron en comunicar desde os xulgados a paralización do despexo aos centos de persoas que fixeron parte dunha protesta onde o gran ausente foi o PP local.

Aínda coñecendo a situación de Aurelia, que se vale por si propia sen ningunha dificultade malia os seus 85 anos, desde Servizos Sociais do Concello non ofreceron máis opción que a de a ingresar nunha residencia de persoas idosas.