Ensino

O alumnado galego de 4º de Primaria e 2º da ESO realizará unha proba de nivel de estudos

Alumnado de Secundaria durante a realización dun exame. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)
A proba, segundo indican desde a Consellaría, terá carácter "informativo, formativo e orientador para os centros, para o profesorado, para o alumnado e as súas familias ou persoas titoras legais, e para o conxunto da comunidade educativa". Así mesmo, "carecerá de efectos académicos".

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sexta feira a orde que regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Galiza que entrará en vigor en 20 días e ten como obxectivo mellorar o nivel de formación do estudantado, precisa a Consellaría de Educación no contido da mesma.

A proba realizarase en todos os centros educativos galegos que impartan ensinos correspondentes a cuarto curso de Educación Primaria e segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria e versarán sobre as competencias específicas ás que se refire o marco teórico común de avaliación.

A súa finalidade, explica, é contribuír a determinar o nivel adquirido polo alumnado nas competencias das distintas materias para promover que os centros elaboren propostas de actuación que contribúan a mellorar o nivel alcanzado polos estudantes, adopten medidas de mellora da calidade e a equidade da educación e orienten a práctica docente.

Sen efectos académicos

En consecuencia, concreta, terá carácter "informativo, formativo e orientador para os centros, para o profesorado, para o alumnado e as súas familias ou persoas titoras legais, e para o conxunto da comunidade educativa". Así mesmo, "carecerá de efectos académicos".

O órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo determinará en cada curso escolar cales serán as áreas e materias obxecto de avaliación e as datas en que se realizarán as probas.