Idealizadora de Matriz Galega e terapeuta feminista integral

Nuria Pahino: "Matriz Galega é un proxecto incómodo que desafía o marco do feminismo máis racional"

Matriz Galega naceu hai case un ano da man de Nuria Pahino, e crea diversos produtos para as mulleres. (Foto: Nós Diario)
Matriz Galega é un proxecto feminista e identitario que xorde da man da especialista en Sexualidade feminina de Terapia Gestalt, Nuria Pahino. Vencellada con iniciativas como o Teatro das Oprimidas ou a medicina natural, Matriz Galega vén de sacar unha Axenda menstrual, ilustrada por Paula Pereira. Un diario no que o feminino, a identidade, a relación corpo-territorio ou a mitoloxía celta e a natureza galega tamén son as protagonistas.

-En que consiste o proxecto Matriz Galega?

A idea, o traballo, aínda está en construción, mais xurdiu da necesidade de volver á soberanía dos nosos corpos e territorios. Foi ideado, perseguido e xestado nun momento no que eu estaba fóra da Galiza, no contexto da pandemia da Covid-19, e sentín moito a necesidade de volver.

Tamén foi moi influenciada a idea polos pobos orixinarios de Abya Yala (América latina en lingua indíxena), darlle unha recuperación identitaria ao noso territorio galego desde o lugar das mulleres e das disidencias.

-Que busca Matriz Galega? Que obxectivos persegue?

Procura traballar ao redor da comunidade e da autoxestión do territorio. É un proxecto autoxestionado e comunitario que quere laborar a partir da descolonización da medicina, desde unha óptica alternativa, da medicina alópata (vencellada coa homeopatía), do uso minerais con diferentes xeometrías especificamente dedicadas á saúde das mulleres, e tamén do uso de plantas, desde unha óptica tamén da ciclicidade, da conexión coa natureza e, sobre todo, desde o lugar de querer autoxestionar a nosa saúde.

-No mes de maio lanzou Axenda menstrual, ilustrada por Paula Pereira, en que consiste ese tipo de diario?

É un lugar onde podemos recoller a nosa vivencia do día a día, como nos imos sentido en relación a diferentes indicadores e que cousas nos pasan nas distintas partes do ciclo, co obxectivo de coñecernos.

Principalmente é unha ferramenta de coñecemento para saber que distintas fases atravesamos ao longo do noso ciclo, saber que non estamos igual cando menstruamos que cando ovulamos ou estamos na fase premenstrual ou preovulatoria. É un modo de coñecer as nosas conexións dispoñíbeis para poder, desde aí, habitar este sistema dunha forma máis autoxestionada.

-Que beneficios ten levar unha axenda menstrual?

Basicamente, identificar as cousas que lles pasan aos nosos corpos, porque estamos totalmente desconectadas do que é o noso corpo-territorio, e se non sabemos que nos pasa, se non o identificamos, non podemos abordalo.

Na axenda tamén hai un apartado de sexualidade e algunha sección de plantas aliadas, baseadas na xinecoloxía autoxestiva e natural, porque se sei que me pasa tal cousa podo botar man desta ferramenta ou destoutra.

A axenda permite escribir durante seis meses e, se escribimos cada día do ciclo, ao final podemos ver os patróns que se repiten certos días. Ao final, é ser donas do noso corpo, é unha proposta feminista que rompe co feminismo máis clásico e aborda todas as cuestións do noso corpo-territorio. Matriz Galega é un proxecto incómodo que desafía o feminino sagrado e do feminismo máis racional.

-Explíquenos que é a xinecoloxía autoxestiva.

É autoexploración, coñecemento e tamén ter ferramentas para os coidados da matriz a través de arxila, das plantas, da medicina tradicional. Estamos a facer un traballo de recuperación coas parteiras e as curandeiras da zona... Trátase de recuperar o propio territorio, non ser unhas descoñecedoras do corpo senón ser donas de nós.

-Que outros proxectos teñen entre mans?  

Queremos facer unha comunidade popular artística, traballamos co Teatro das Oprimidas. Tratamos as medicinas e a xinecoloxía autoxestiva e natural, e no mes de xullo estaremos nun retiro traballando con ovos intravaxinais. Tamén tocaremos o tantra e outras formas de sexo que rompan coa sexualidade hexemónica e patriarcal.