Ceramista e ilustradora coa marca Cavalinho do Demo

Paula Pereira: "Poesía e natureza inspiran a miña cerámica, que reflicte unha ideoloxía galega e feminista"

Paula Pereira, ceramista e creadora da marca Cavalinho do Demo vén de lanzar unha nova peza, desta volta inspirada nos versos da poeta homenaxeada este 2021 co Día das Letras Galegas, Xela Arias. A placa, "Tigres coma cabalos", únese así a outras creacións de Cavalinho do Demo inspiradas en mulleres da literatura e da arte como Rosalía de Castro, Virginia Woolf, María Casares ou Frida Khalo. 
montagem-web
photo_camera A artista Paula Pereira no seu taller en Fornelos de Montes e a súa obra 'Tigres coma cabalos'. (Foto: Alberte Peiteavel)

-Que a inspirou dos versos de Xela Arias?

Teño outras pezas inspiradas en poemas, sobre todo para a elaboración do Premio Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello de Fornelos de Montes, e onde cada ano fago unha peza inspirada nun poema del. Cando vin que as Letras se lle dedicaban a Xela Arias déronme moitas ganas de investigar, coñecer e aproveitar que se homenaxeaba a unha muller.

Encantoume todo o traballo de Xela, conectei moito e inspiroume.

A primeira peza que creei foi Tigres coma cabalos, e logo elaborei outra baseada no verso “É que teño o corazón de auga derretida desbordando vasos e piscinas”. Dúas series limitadas de 50 exemplares que están a funcionar moi ben. 

-Fálenos da importancia das mulleres na súa obra.

Hai moitas mulleres que me inspiran, Virginia Woolf, por exemplo, e toda a súa obra. Fixen sobre ela un fanzine, traducín varios textos ao galego e ilustreinos e tamén o levei á cerámica nunha peza co seu rostro e cunha frase súa. Fixen un floreiro inspirado en Frida Khalo...

En xeral, coido que a literatura, e sobre todo a poesía, é o que máis me inspira. E por outro lado a contorna, a natureza, pois o taller está nunha aldea en Fornelos, e iso tamén aparece moi reflectido no que fago, porque Cavalinho do Demo é un proxecto de vida, de reflectir o que é vivir na aldea, facer aquí o meu proxecto...

Coido que tamén na miña obra se reflicte a miña ideoloxía como feminista e galega. 

-Que foi o que a trouxo de volta á aldea?

A Laxe é unha parroquia de Fornelos de Montes onde pasei moitos veráns de cativa cos meus avós e que sempre me encantou, así que, hai cinco anos decidín volver e ocupar a casa familiar. Restaurei o taller que tiña o meu avó, que no tempo libre traballaba madeira, e construín así o meu proxecto de vida.

Nesta aldea cando cheguei non había case veciñanza, estabamos eu e unha veciña e agora somos seis... Paréceme bonito volver á aldea e non deixar que morra, e teño a sorte de poder traballar aquí, sendo autónoma e facendo aquí o meu traballo. 

-Que a levou a elixir a cerámica para expresarse?  

Cando rematei Belas Artes non tiña moi claro por onde quería tirar mais empecei coa ilustración. Despois tiven en Pontevedra un proxecto colaborativo con máis artesáns, onde vendía cousas doutra xente ademais das miñas, comecei a probar coa ilustración en distintos soportes e gustoume moito o resultado na cerámica. Unha vez que ese proxecto rematou especialiceime facendo cursos...

Vin para aquí, merquei o forno, montei o taller... Desde entón vou experimentando, probando materiais... Agora estou a probar cun barro que collo no monte, porque me parece importante poder facer todo o proceso cerámico. A artesanía ten moito de experimentar e na cerámica hai moitas posibilidades.

-Cales son os proxectos que ten no horizonte?

Vou participar na Numax, en Compostela, no proxecto Intemperiadas, feito tamén arredor de Xela Arias. Até agora pasaron polo ciclo unha ilustradora, outra artesá do téxtil e no próximo mes estarei eu con cerámica. Fixen outra peza relacionada con Xela que se vai presentar alí e traballarei ao vivo pero é complexo coa cerámica, por iso levarei unha peza rematada e outra sen rematar para pintala alí.

E tamén acabo de ilustrar unha axenda menstrual para o proxecto Matriz Galega. Pareceume unha proposta moi bonita, enfocada en clave galega cos arquetipos da meiga, da feiticeira, da arqueira... E todas as ilustracións están relacionadas con animais de aquí como o raposo, a curuxa... Encantoume facela.

Comentarios