'Nuredin o taxista e Amedine o pintor'

O novo libro de Beiras recolle as súas crónicas sobre o Foro Social Mundial

Xosé Manuel Beiras. Foto: cedida.

Unha década demorou Xosé Manuel Beiras (Compostela, 1936) en recompilar en libro as súas crónicas sobre o Foro Social Mundial. Publicadas no extinto xornal Galicia Hoxe, compoñen o núcleo central do seu novo libro, Nuredin o taxista e Amedine o pintor (Laiovento, 2019).
 

Subtitulado Crónicas e figuracións dun transmundo colonial, o volume trata “desde diferentes pontos de vista a problemática do colonialismo -o esplícito, pasado, e o encuberto, actual”, segundo explica o propio Beiras no Adro. Os textos, redactados orixinalmente en 2009, proceden da súa experiencia como membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial en Rabat. Asistía, canda Xabier Macías (daquela na Fundación Galiza Sempre) e Quim Arrufat (Ciemen), en representación da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa.

No prólogo da obra, o hoxe dirixente de Anova lembra a relación entre o seu desasosego político da época -asemblea extraordinaria do BNG posterior á derrota electoral do bipartito- e a súa “involuntaria maneira de relatar aquelas xornadas en Rabat, ao xeito dunha literatura de ficción, e mais no clima represadamente morriñento, ou até mesmo saudoso, da narración resultante”.

 

Estas sete crónicas, polas que transitan Nuredin e Amedine, ao dicir do autor “personaxes moi entrañábeis”, non foran pensadas para se editar por xunto. Mais a opinión dos editores de Laiovento, personificada en Afonso Ribas e Pepe Carreiro, mudou as tornas. O libro completouse con materiais relacionados: dez páxinas sobre o Foro Social Mundial en Dakar de 2011; seis Retrincos e glosas a Retrato do colonizado, de Albert Memmi, unha glosa á “obra; capital” sobre a democracia do historiador italiano Luciano Canfora, e mais o artigo Animal farm. Todos eles viron luz, no seu día, en Galicia Hoxe.  

 

Beiras, que se autodefine no mencionado Adro como “músico malogrado”, estruturou Nuredin o taxista e Amedine o pintor “en tres partes, ao xeito da música do barroco, que historicamente coincide co colonialismo na época anterior ao capitalismo industrial, na que o sistema-mundo estaba rexido, en canto realidade económica, polo mercantilismo, e politicamente polos poderes antidemocráticos do 'antigo réxime”. Así, Obertura, Suite Africana e Rondó son os epígrafes organizativos do volume.

 

Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial (Laiovento, 2019) sucede a O proxecto común da nación galega (Laiovento, 2016), que recollía discursos políticos recentes, entre eles algúns como portavoz de AGE no Parlamento de Galiza, e a Exhortación á desobediencia (Laiovento, 2013), compilación de textos e manifestos políticos indignados.

 

Nota: cuberta do novo libro de Xosé Manuel Beiras, Nuredin o taxista e Amedine o pintor.