Nunha década a Galiza perderá tantos habitantes como o equivalente á comarca de Ourense

Residencia de maiores. (Foto: Europa Press)

 De se manter a tendencia actual, a Galiza pode perder 140.000 residentes até 2033.

 

Se en 2020 o saldo vexetativo se sitúa en -17.316 persoas, en 2034 proxéctase en -20.324. As proxeccións de poboación do IGE non adoitan traer boas novas. Apunta a que o número de nacementos continuará nunha senda descendente, mentres o número de defuncións aumenta de forma continuada durante todo o período da proxección.

Porén, o saldo migratorio na Galiza presentaría signo positivo e alcanzaría o seu valor máximo no ano 2034, con 10.971 persoas. De feito, e segundo o avance do Instituto nacional de estatística (INE), en 2020 Galiza gañou 1.800 habitantes.

Mais non hai motivos para a celebración.  A pirámide demográfica asusta. A poboación galega maior de 65 anos representa 25% do total e duplica a porcentaxe dos menores de 16 anos, até o punto de non superar estes 12% do conxunto do censo en 244 municipios.

Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan as menores de 30 anos en 233 concellos galegos, significan 40% do número total de residentes en 78 localidades e superan 50% en Calvos de Randín, Gomesende, O Irixo, Lobeira, San Xoán de Río, A Teixeira, Verea e O Bolo. As excepción son, unha vez máis, as áreas metropolitanas das principais cidades do Eixo Atlántico e algunhas localidades costeiras das Rías Baixas.

O INE indica que, de manterse a tendencia actual, a Galiza pode perder entre 2018 e 2033 un total de 138.799 residentes. O equivalente á cidade de Ourense (104.000 habitantes) e a súa comarca, cos otros 11 concellos que a conforman: Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

A profesora da Universidade de Santiago María Cadaval sinalaba en conversa con Nós Diario que “a caída da natalidade, o incremento da esperanza de vida e a retroalimentación das entalladuras na pirámide de idades causada polos movementos migratorios dan como resultado unha estrutura demográfica avellentada e con escasa renovación xeracional”.

Na mesma liña, entende que “demografía e economía están ligadas estreitamente e os seus efectos son bidireccionais. Por unha banda, as perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade e aos movementos migratorios e, por outra, as tendencias da poboación teñen consecuencias de calado sobre a marcha da economía”.