A poboación galega crece en 1.803 persoas grazas á migración

(Foto: Europa Press)
O saldo vexetativo continúa a ser negativo. 

A poboación galega creceu en 1.803 persoas en 2019 grazas á migración exterior e interior e malia o saldo vexetativo negativo, de modo que o total situouse en 2.702.244 habitantes a 1 de xaneiro de 2020.

Así o recollen os datos definitivos das cifras de poboación que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, Galiza rexistrou 15.631 mortes máis que nacementos (saldo vexetativo), mais obtivo datos positivos tanto en migración exterior (+16.866 persoas) como na interior (+676).

Desta forma, sumou 1.803 persoas máis, o que representa un incremento poboacional do 0,07%, lonxe do 0,84% de aumento que rexistrou a media estatal. De feito, no conxunto estatal, a poboación residente en España aumentou en 392.921.

O que tamén indican os datos do Ine é o progresivo avellentamento da poboación galega. De dada 100 habitantes na Galiza, 14 teñen menos de 18 anos mentres que 25 superan os 65.

O 'inverno' demográfico galego é unha consecuencia dos problemas estruturais da Galiza. Malia que os datos non convidan ao optimismo, a experiencia doutras nacións confirma o seu carácter reversíbel. 

As previsións non dan pé ao optimismo. A este respecto, as proxeccións demográficas do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o período 2018-2033 indican que, de manterse a tendencia actual, Galiza pode perder até esa data 138.799 persoas, isto é, o 5,3% da súa poboación e ficar en 2.564.491 residentes.

Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén é negativo até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1.000 habitantes. Segundo o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Lois, “estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.