Nunca tantos drons voaron na Galiza como en 2022: un cada dous días

Aumentou 17% nun ano.

Enaire xestionou un total de 157 peticións de voo de drons na Galiza en 2022, o que supón a súa marca histórica, segundo datos ofrecidos polo xestor de navegación aérea do Estado esta segunda feira.

En concreto, estas 157 operacións de drons supoñen 23 máis que as 134 que autorizaron sobre a Galiza en 2021, o que se traduce nun incremento interanual do 17%.

No total do Estado, Enaire xestionou o pasado ano un total de 10.325 peticións de voo de drons, 70% máis que en 2021 -un incremento máis de 50 puntos por riba do aumento galego-. Catalunya foi a comunidade con maior número de operacións, con 2.414. Séguenlle Canarias (1.444), Madrid (1.411) e Euskadi (732).

As estimacións de operacións con aeronaves pilotadas por control remoto son dunha media de 140 voos ao día no Estado, o que se traduce nuns 50.000 voos ao ano. En 2021, a media era de 76 voos ao día.

A páxina de planea.enaire.es permite aos operadores profesionais de drons tramitar o seu estudo aeronáutico de seguridade (EAS/EARO) para voar nos espazos aéreos de responsabilidade das torres e centros de control e para que, posteriormente, a súa solicitude sexa xestionada polas unidades da Dirección de Operacións e o control aéreo implicados na operación.

Como empresa do Ministerio de Transportes, presta servizo de control en ruta de todos os voos a través de cinco centros de control en Madrid, Barcelona, Sevilla, Gran Canaria e Palma, así como das aproximacións a todos os aeroportos do país.

Ademais, 45 torres de control aéreo reciben os servizos de comunicación, navegación e vixilancia de Enaire e 21 aeroportos contan cos seus servizos de control de aeródromo, entre eles os de maior tráfico do país.