Triunfan na Galiza as carreiras de 'drons'

A 'fórmula 1 do aeromodelismo'. Así é como se están a denominar as probas de competición con modernos vehículos aéreos non tripulados ou drons. En Bueu creouse en 2016 un club para fomentalas e contan cunha liga denominada Gaelic GP que olla cara a Europa co obxectivo de competir con pilotos profesionais.
Un 'dron' pasando por unha das sinalizacións do Gaelic Dron GP (Foto: Paula Juncal / Aerodron Club de Bueu).
photo_camera Un 'dron' pasando por unha das sinalizacións do Gaelic Dron GP (Foto: Paula Juncal / Aerodron Club de Bueu).

A chegada dos modernos vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como drons, revolucionou nos últimos anos o mundo do aeromodelismo. Na Galiza, no ano 2016, un grupo de persoas comezaron a interesarse polas carreiras destes modelos e crearon o Aerodron Club de Bueu. Organizaron un primeiro evento, o Gaelic Dron GP, e convidaron pilotos de todo o Estado español coa intención de que medrara afección no país. 

O director da iniciativa, Manuel Juncal, explica a Nós Diario que foron modificando as súas bases e o desenvolvemento do mesmo “até conseguir asentalo”. A seguridade era esencial polo que deseñaron uns circuítos adaptábeis e protexidos con redes para maior seguridade de pilotos e público. O formato de liga permitiulles levalo a outras vilas e cidades galegas, como Compostela que viviu esta fin de semana un destes campionatos.

“Hai moito interese en que organicemos campionatos noutras cidades do Estado español e de Portugal”, sinala Juncal. O Gaelic GP consta de varias probas nas que suman puntos os catro primeiros postos. No último dos campionatos súmase a puntuación e pódese coñecer a campioa ou o campión da liga.

Polo de agora estas competicións non entran no circuíto da Federación Galega de Aeromodelismo. “Levan anos tentando que participemos mais non nos achegan ningún tipo de axudas que nos faciliten o incremento de custo que suporía”, asegura Juncal.

Espectáculo e deporte

As carreiras de drons son todo un espectáculo para o público mais tamén para as persoas que pilotan estas máquinas aéreas. “Pilotamos a través duns anteollos que están conectados cunha cámara polo que a sensación é moito máis inmersiva e apaixoante”, relata o campión da proba compostelá que usa o alcume de Racer 250 chámase Hugo Marco López.

Este murciano de 17 anos iniciouse no aeromodelismo mais ao coñecer este mundo non o pensou e lanzouse a pilotar máquinas que poden chegar aos 200 km/hora.

Na Galiza, Juncal afirma que hai pilotos de moi boa calidade “como SecoGTV, o nome que emprega Brais, un rapaz de Valga moi prometedor que ten 14 anos”. A nivel internacional a liga máis potente é a Dron Racing Ligue nos Estados Unidos de América. A nivel europeo o club galego está a preparar un campionato que, partindo da liga galega estendida ao resto da península, poidan competir con países de Europa.

Comentarios