Prestige: 2.400 millóns de indemnización para Galiza, 2.000 para o Estado español

[Imaxe de arquivo: SG]

A Fiscalía cifrou en 2.400 millóns a indemnización que debería receber Galiza polo sinistro do Prestige. Outros 2.000 millóns de euros deberian ir para o resto do Estado. Nunca Máisi cualifica de "irrisoria" a indemnización (equivalente aos danos) que lle correspondería ao noso país.

 

A Fiscalía cuantificou en 2.400 millóns de euros os danos, e consecuentemente, a indemnización á que tería direito Galiza. Ratificou esa cantidade, recollida nun informe pericial que pón prezo aos danos sobre a saúde da poboación das zonas afectadas e d@s voluntari@s, así como ás perdas dos nosos sectores produtivos. A plataforma cidadá rexeita tal cuantificación e considera que só pode facerse "desde unha perspectiva mercantilista"

"Só desde unha perspectiva mercantilista poden cuantificarse os danos que supuxo o Prestige para Galiza". Xosé Sánchez, presidente da plataforma Nunca Máis, cualifica de "irrisoria" a cifra de 2.400 millóns de euros que corresponderían en indemnizacións ao noso País, pouco máis da metade do destinado ao conxunto do Estado español, segundo os dados que ratificou a Fiscalía no macroxuízo pola marea negra que se realiza na Audiencia provincial da Coruña desde o 16 de outubro de 2012. 

As cantidades aparecen recollidas no informe pericial que defendeu a profesora de Análise económica da USC María Loureiro, quen advertiu de que se trata dunha estimación á baixa e "moi conservadora", polo que se poderían incrementar substancialmente. Cómpre lembrar que a Xunta de Galiza chegara a pagar xa dous terzos do que custou limpar as praias.

"A repercusión que tivo na Galiza é dificilmente cuantificábel", insiste Xosé Sánchez, subliñando a imposibilidade de porlle prezo ao impacto sobre a saúde da poboación das zonas afectadas e d@s traballador@s voluntari@s que participaron na limpeza das praias, para alén das perdas que soportaron os nosos sectores produtivos ligados ao mar. Porén, si que se lle puxo prezo: 5,5 millóns.

No concreto, o Fondo internacional de indemnización de danos por contaminación de hidrocarburos (Fidac) tenlle entregado xa ao Estado español 114 millóns en concepto de compensacións ao sector pesqueiro, cuxas perdas están cuantificadas nos 400 millóns. Aqueloutras sufridas polo sector turístico e hostaleiro ascenderían aos 500 millóns, segundo as cifras achegadas durante o xuízo. 

A Fidac racanea: ve un informe "inchado" e cifras "desproporcionadas"

A profesora Lorenzo recoñeceu que "é moi difícil de cuantificar o impacto sufrido por un territorio altamente dependente dun sector como a pesca" e insistíu en que todas as cifras poderían sufrir un incremento pois, por exemplo no relacionado coa saúde da poboación, transcorrido o tempo aínda están a se diagnosticar enfermidades relacionadas coa Marea Negra. Con todo, o avogado da Fidac, Mike Garteiz, cuestionou a metodoloxía empregada na elaboración do informe, considerando que as cifras reclamadas están "inchadas" e son "desproporcionadas". 

Namentres Lorenzo considerou as escasas achegas dos gobernos galego e español meras "axudas sociais", Garteiz considerou que estas cantidades deben descontarse do que se pagará finalmente en concepto de indemnizacións. As contas foron botadas a medio prazo, entre 2002 e 2006, pois "non hai base científica nin académica para estabelecer unha estimación a longo prazo".

Xosé Sánchez explica por que non a hai: "o que lle interesaba a Madrid e a San Caetano era botar terra canto antes sobre o acontecido", negando todos os traballos de campo para analizar o impacto sobre a saúde e sobre a economía da Galiza que a plataforma Nunca Máis tiña reclamado e rexeitando a interposición dunha denuncia cperante o xulgado de instrución de Corcubión contra a clasificadora ABS --American bureau of shipping, que outorgou o certificado de bo estado ao Prestige. 

"Despois foron denunciar a Estados Unidos mais, como vai fallar un tribunal norteamericano a favor dunha terra que para eles está perdida na fin do Mundo?", cuestiona o presidente de Nunca Máis adiantando, máis unha vez, a impunidade que vai rezumar da sentenza do Prestige.