Nunca Máis levará a sentenza ao Supremo malia a ''potente desconfianza'' na xustiza española

[Imaxe da plataforma]

A plataforma explica que cómpre esgotar todas as vías para que Galiza "non fique desamparada". Para se manteren no proceso xudicial e co ollar posto no Tribunal de Estrasburgo, o primeiro chanzo é o recurso de casación perante o Tribunal Supremo. Apelan á "solidariedade" da cidadanía para sufragar o custo das apelacións e convocan manifestacións para o 1 de decembro na Mariña e nas sete cidades.


A plataforma Nunca Máis aprobou de maneira unánime presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo contra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que deixa sen responsábeis a catástrofe do Prestige, o maior desastre ecolóxico rexistrado na Galiza e no Estado español. A decisión tomouse nesta terza feira 19 de novembro, a mesma data en que, após dez días 'paseado' fronte á costa, afundiu.

"Somos conscientes de que temos a obriga de esgotar todas as vías para que Galiza non fique desamparada", proclamou en rolda de imprensa Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma. Recalcou que a sentenza é "política" e "sen precedentes no mundo". E enfatizou tamén as "poucas posibilidades" que lle ven ao recurso presentado perante o Supremo. Con todo, a intención de Nunca Máis é manterse no proceso xudicial co ollar posto no Tribunal de Estrasburgo, do cal agardan "máis sensibilidade" da que deitaron os tribunais galego e van deitar os españois.

Solidariedade galega e manifestacións o 1 de decembro

Para facer fronte aos custos derivados das apelacións, a plataforma porá a disposición da cidadanía un número de conta bancaria e apela á súa "solidariedade" advertindo de que a recadación se realizará mediante un procedemento "público e totalmente transparente".

Para alén deste chamamento, fixeron outro: ás rúas, a secundar as manifestacións convocadas nas sete cidades e na Mariña o vindeiro 1 de decembro. Porque, en palabras de Isabel Risco, "o pobo galego non é un pobo de guiadiños". A actriz apelou ao "espírito creativo e festeiro" da cidadanía para se revolver contra unha sentenza que Nunca Máis reclama non acatar. Risco subliñou que a xustiza española "é unha farsa", brincou con que a resolución "parece tirada dos Simpson" e apelou a que a nova lei de seguridade cidadá non obrigue @s manifestantes a camiñar "en ringleira e co carné na boca". 

O recurso do Goberno español, para "tapar as responsabilidades con cartos"

Xaquín Rubido valorou a apelación anunciada pola fiscalía do Estado español como o vierio ao cal foi avocado pola presión social. "É imposíbel non nos fixar agora nas responsabilidades políticas" polo que o goberno se vería na obriga de presentar recurso e reclamar as indemnizacións que non van chegar --os 4.132 millóns reclamados pola fiscalía-- "para tapar esas responsabilidades con cartos" igual que Aznar fixera naquela altura ao anunciar a chuvia de millóns do 'Plan Galiza' que Feijóo defendeu desde a consellaría de Política Territorial, cargo que ocupou a comezos de 2003 após o cesamento do seu antecesor, Xosé Cuíña.

"Que pasear o fuel durante dez días serviu para minimizar o impacto e as consecuencias derivadas da catástrofe non o cre nin o maxistrado", dixo Rubido en referencia a Juan Luís Pía, presidente do tribunal que enxuizou o Prestige e encargado de lle dar leitura á sentenza.