Nunca Máis, '20 anos de dignidade' e "motivo de orgullo" da Galiza

A Plataforma Nunca Máis presentou en Pontevedra un novo documental de Jose Aragunde.
A obra audiovisual, dirixida por Jose Aragunde e promovida por Nunca Máis, poderase ver este domingo, día 13, ás 12 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra

"A bandeira de Nunca Máis representábanos moi ben: era o símbolo de unión dun pobo contra o desleixo, contra o silencio e o inmobilismo. Vinte anos despois debemos ondeala con alegría e orgullo". Uxía Senlle, voceira da Plataforma Nunca Máis, participou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra na presentación do documental '20 anos de dignidade', un acto que serviu tamén para rememorar as mobilizacións sociais lideradas entón polo movemento máis aberto, plural, inclusivo e transversal da historia recente da Galiza, destacou Senlle.

"Creo que todas temos un remuíño de imaxes en branco e negro, pero tamén unha serie de imaxes a cor da sociedade que lle plantou cara ao desastre e á incompetencia cunha paixón e cunha determinación que non esqueceremos na vida".

'20 anos de dignidade'

A obra audiovisual, dirixida por José Aragunde e promovida por Nunca Máis, poderase ver este domingo, día 13, ás 12 horas, no mesmo escenario en que se deu a coñecer. A fita recolle o testemuño de diferentes persoas que hai dúas décadas participaron de forma directa na xénese de Nunca Máis, ademais doutras voces de xente do mar cunha visión precisa do afundimento do 'Prestige' nas costas galegas en novembro de 2002, achegando un balance destes últimos 20 anos.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, referiuse "ás burradas" e "ao cúmulo de decisións erradas" que se tomaron antes e despois da catástrofe medioambiental que supuxo o 'Prestige', cerna dunha das correntes sociais con máis pouso e sostén a Galiza. "Este acontecemento demostroulle ao mundo o que o pobo galego é quen de facer. Demostrámonos a nós mesmas que somos capaces de plantarnos diante de quen sexa e reivindicar a nosa vida e o que significa para nós o noso país", dixo.

Cen buques pasan ao día diante de nós, dos que 35 son de mercadorías perigosas e 15, de bandeiras de conveniencia, bandeiras de libre matriculación

A reflexión, a dignidade e "a solidariedade inmediata a través dun voluntariado que chegou e ondeaba as bandeiras de Nunca Máis", foron e son, en palabras de Uxía Senlle, motivo de orgullo. "Coido que rompemos clichés. Creo que amosamos unha cara pouco coñecida, a dunha Galiza en pé de guerra, desafiante, sen pelos na lingua, apoiada e avalada por todos os sectores posíbeis. A día de hoxe debemos sentir orgullo e creo que hoxe podemos seguir pensando en cambiar políticas feitas contra a nosa dignidade e natureza".

Avances en seguridade

Xaquín Rubido, 'Xocas', membro da Plataforma en defensa da ría de Arousa e segundo voceiro de nunca Máis lembrou os avances en seguridade marítima que se conseguiron entón grazas ás mobilizacións, mais sen esquecer que aínda hai eivas pendentes de resolver.

"Foi unha conquista da presión social promovida por Nunca Máis, pero o perigo é obvio: vén do mar, do tráfico diario que se produce nas nosas costas. Cen buques pasan diante de nós, dos que 35 son de mercadorías perigosas e 15, de bandeiras de conveniencia, bandeiras de libre matriculación".

Rubido censurou a falta de  regulación e control destes buques, que pediu abordar canto antes. Reclamou, ademais, a necesidade de baixar ao 'Prestige'. "Sabendo que hai 1.100 toneladas de fuel no pecio, é obrigado baixar até alí e ver se hai novas fugas para selalas". 

"O PP ten unha débeda con este pobo", dixo para concluír ao tempo que reivindicou para a Galiza as competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.