Álvaro García Ortiz, fiscal delegado de medio ambiente en Galiza

Fiscal de Medio Ambiente: "Nunca detectamos trama organizada ningunha"

O fiscal, no uso da palabra

Para Álvaro García Ortiz, fiscal delegado de medio ambiente en Galiza, o principal atranco á hora de xulgar presuntos delitos por incendio atópase na "dificultade da proba". E afirma que, malia levar anos investigando, nunca detectou "trama organizada ningunha". Prudente, asegura que o organismo xudicial fará propostas ao respecto unha vez reflexionen con certa distancia.

-Por que tan poucos detidos por incendios chegan a xuízo?

 

-Pola dificultade de atopar probas. Mais a pregunta sería por que de tantos incendios hai tan poucos detidos. E na miña opinión é pola dificultade de atopar probas. O que parece un fracaso policial é o Estado de dereito, que garante que unha persoa só vai a xuízo se hai probas abondo.

 

-Cantas sentenzas hai?

 

-En 2016 houbo 34 sentenzas por incendio forestal. E 28 escritos de acusación da fiscalía que aínda non chegaron a xuízo. Temos o récord absoluto de toda España.

 

-Cada vez que acontece unha vaga de incendios, xorden voces que piden endurecer as penas. Axudaría a reducir a incidencia do lume?

 

-A reforma do Código Penal fíxose en 2015 e endurecéronse as penas por incendio forestal. Só pasaron dous anos, e aínda non podemos saber se ese endurecemento funciona ou non. Agora mesmo, unha condena por incendio forestal pode chegar aos 20 anos de prisión. Cada un pode avaliar se é abondo ou non.

 

-Unha policía propia da Xunta mellor dotada, contribuiría a unha maior eficacia contra os incendios?

 

-As propostas imos facelas con máis tempo para a reflexión, e seguramente a través da Fiscalía. Mais a miña opinión é que se trata dun delito moi difícil de investigar. Aínda que sempre se pode mellorar, por suposto, na Fiscalía ou no terreo policial.

 

-Percibe intereses económicos por detrás do lume?

 

-Depende do que entendamos por intereses económicos. Se falamos de intereses económicos moi particulares, como o de cambiar un cultivo ou porque así limpa un monte, daquela si. Se falamos de intereses económicos xerais, urbanísticos ou madereiros, nunca os detectamos. E levamos anos investigando.

 

-E tramas organizadas?

 

-Nunca atopamos evidencia ningunha de ningunha trama. Dígoo con prudencia, porque nun futuro se cadra aparece. Mais até agora non.

 

-Parécelle axeitada a expresión "terrorismo incendiario"?

 

-Non podo pronunciarme sobre iso. Pero quero entender que é unha forma de lle dar gravidade a algo que causa moito dano e moita dor.