O número de positivos segue en aumento e a Galiza supera xa os 2.000 casos activos

Os contaxios detectados en 24 horas continúan á alza (Foto: Isabel Infantes Europa Press)

Os casos activos de Covid-19 na Galiza aumentan por décimo día consecutivo e pasan xa dos 2.000, rexistrándose nas últimas 24 horas até 230 contaxios. A taxa de positividade sitúase en 4,9%, ao bordo do 5% que a OMS marca como limiar para dar por controlada a pandemia.

O volume de contaxios de Covid-19 detectados na Galiza retrocede lixeiramente nas últimas horas, aínda que seguen por encima dos 200, o que fai que os casos activos superen a barreira dos 2.000 mentres a taxa de positividade en probas PCR mantense en niveis máximos desde o mes de febreiro.

Así se desprende da actualización dos datos da pandemia que publica diariamente a Consellaría de Sanidade no seu portal sobre o coronavirus con rexistros até as 18 horas de onte, 2 de xullo, momento en que había 53 persoas ingresadas con Covid-19 nos hospitais galegos, 11 delas nas unidades de coidados intensivos (UCI).

Así, o número de hospitalizados en UCI aumenta en dous respecto ao día anterior. Por áreas, A Coruña continúa co maior volume de ingresos, aínda que descenden a 21 (-2), tres deles en UCI (sen cambios).

Na área de Pontevedra aumentan a catro as e os pacientes en críticos (+1), que se suman aos outros oito hospitalizados con coronavirus, cun total de 12. Séguea a de Ourense, que a pesar de non ter ingresados en UCI, alberga nos seus hospitais seis pacientes con diagnóstico Covid.

Tras elas están a de Ferrol e a área de Santiago, ambas as dúas con catro ingresos. A primeira conta con dous en UCI e outros dous en unidades convencionais, mentres que a área compostelá ten tres en planta e un en críticos.

Por último, Lugo suma tres ingresos, un deles en coidados intensivos; mentres a área de Vigo carece de ingresados en UCI e suma un total de tres hospitalizados en planta.

Máis de 2.000 casos activos

Os casos activos de Covid-19 no conxunto da Galiza aumentan por décimo día consecutivo e pasan xa os 2.000. Ás 18 horas de onte eran 2.136 os casos activos, 142 máis que na xornada anterior, un día con 230 contaxios diagnosticados e 87 altas.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan en todas salvo en Ferrol, o único distrito por baixo da centena e onde descenden en oito os activos nas últimas horas.

Pola contra, soben no resto das seis zonas en que se divide o mapa sanitario galego. Encabeza o incremento unha xornada máis a área de Pontevedra (+46), seguida da de Vigo (+31), a área  de Ourense (+25), a da Coruña (+23), a compostelá (+19) e a área de Lugo (+6).

Por tanto, mantense á cabeza a área da Coruña e Cee, con 597 casos activos; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 413; Vigo, con 359; Ourense, con 254; Lugo, con 230; Santiago e Barbanza, con 209; e por baixo do centenar segue a de Ferrol, con 74.

Contaxios á alza

Deste modo, os contaxios detectados en 24 horas continúan á alza, aínda que descenden en comparativa coas cifras da xornada anterior. Foron un total de 230 os casos diagnosticados por calquera tipo de proba, o que, a pesar de ser 41 menos que na xornada da quinta feira (teito da semana, con 271), manteñen a tendencia seguida desde o 24 de xuño, con contaxios detectados ao día por encima do centenar.

Deste modo, os contaxiados ascenden na Galiza a 130.397, dos cales 31.355 corresponden á área da Coruña e Cee; 25.650, á de Vigo; 20.330, á de Santiago e Barbanza; 16.137, á de Ourense; 14.830, á de Pontevedra e O Salnés; 13.307, á de Lugo; e 8.788, á de Ferrol.

Taxa de positividade disparada, ao bordo de 5%

Desde o inicio da pandemia a Galiza realizou 2.373.711 probas PCR, das cales, 3.821 foron no último día, unhas 300 menos que na xornada anterior.

Así, a taxa de positividade nas PCR volve situarse en niveis máximos desde mediados do mes de febreiro durante a saída da terceira onda da pandemia.

Nas últimas 24 horas, a taxa de positivos quedou en 4,9%, ao bordo do 5% que estabelece a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, un limiar que a Galiza non supera desde o pasado 15 de febreiro (fíxoo nos datos da quinta feira, mais a taxa foi recalculada nas últimas horas).

Vítimas e altas

Desde o comezo desta crise sanitaria as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza elévanse xa a 2.437 tras a morte dun home de 61 anos en Lugo notificada na tarde da sexta feira polas autoridades sanitarias.

125.849 pacientes recibiron a alta no conxunto da Galiza, 87 persoas máis que as rexistradas ata a xornada anterior.