Detectado un novo surto nunha granxa de visóns de Oza-Cesuras con 10.000 animais

Un visón nunha granxa de cría (Foto: WWF)

Un novo gromo de SARS-CoV-2 foi detectado nunha granxa de visóns americanos. Afecta unha explotación do municipio de Oza-Cesuras que alberga a 9.874 animais.

Segundo informa a Consellería do Medio Rural, no marco das tarefas de prevención foron identificados dous casos positivos entre os animais que, a pesar diso, permanecen asintomáticos "sen signo ningún de enfermidade".

O caso, que foi posto en coñecemento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, motivou o fechamento preventivo da granxa para realizar tarefas de control por parte dos servizos veterinarios da Consellaría do Medio Rural de cara a explorar os seguintes pasos a dar.

Trátase do oitavo gromo de SARS-CoV-2 que afecta unha granxa de visóns da Galiza, o cuarto do últimos dez días após os que afectan explotacións de Abegondo, A Baña e Santiago.

Máis de 71.000 visóns na Galiza

Na actualidade, existen na Galiza un total de 25 granxas de visón que contan cun censo total de 71.479 animais.

Deste xeito, máis dunha cuarta parte das explotacións deste tipo na Galiza sufriron gromos, como denunciaron colectivos animalistas a comezos desta semana, que reclaman o fechamento deste tipo de granxas como tamén fan outras organizacións ecoloxistas como Adega e partidos políticos como Unidas Podemos e o BNG.

O gromo de Oza-Cesuras foi detectado nas inspeccións periódicas que se realizan nestas explotacións por técnicos de Medio Rural ao amparo do protocolo estabelecido após a detección dos primeiros casos deste tipo nos Países Baixos.