O número de persoas ingresadas pola Covid na Galiza aumenta por segundo día consecutivo

A área sanitaria da Coruña-Cee é a que presenta máis casos activos (Foto: M.Dylan / Europa Press).
Os hospitais galegos rexistran 266 persoas ingresadas con Covid-19, oito máis que a xornada anterior

Galiza volveu a experimentar por segundo día consecutivo un incremento da presión hospitalaria, ao aumentar a 266 os pacientes ingresados con covid-19, oito máis que a xornada anterior. Con todo, os casos activos continúan coa súa lenta tendencia descendente, até os 2.519 ─seguen a niveis de finais de agosto─, mentres que os novos contaxios detectados a través de distintas probas baixaron a 107, tras os 161 do día previo.

Segundo os datos actualizados este domingo pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do sábado, os pacientes de coronavirus que permanecen en unidades convencionais de hospitalización subiron nunha decena, até os 215, aínda que os que están en unidades de coidados intensivos (UCI) descenderon a 51 ─dúas menos─.

A cifra total de ingresados subiu en catro das sete áreas sanitarias. Na da Coruña-Cee, os hospitalizados por covid volven achegarse ao centenar ao situarse en 99 ─catro máis─, dos que 22 están na UCI.

Tamén aumentaron na área de Vigo, a 65 ─catro máis─, mentres se mantiveron en 12 os pacientes críticos; na de  Ferrol, a 21 ─dúas máis─, pero os que están en coidados intensivos baixaron a tres ─dous menos─; e na de Pontevedra-O Salnés, a 17 ─un máis─, aínda que se mantiveron en catro os enfermos en UCI.

Pola súa banda, os centros da área de Ourense-Verín-O Barco non rexistraron variacións, xa que seguen sendo 24 os pacientes ingresados, dos que dous están en coidados intensivos.

Onde si descendeu a presión asistencial é na área de Santiago-Barbanza, con 24 persoas hospitalizadas ─unha menos─, cinco delas en UCI ─unha menos─; e en Lugo-A Mariña-Monforte, con 16 ingresadas ─dúas menos─, das que tres ─as mesmas que un día atrás─ están críticas.

Baixan os contaxios

Os casos activos de covid-19 manteñen a súa tendencia descendente na Galiza ao caer até os 2.519, o que supón 44 menos que a xornada anterior. A diferenza de días previos, nos datos deste domingo tan só unha área sanitaria notifica un incremento: a de Santiago-Barbanza, até os 280 enfermos de covid (+9).

En canto ao resto, todas descenden. A da Coruña-Cee cae da barreira do milleiro ao situarse en 998 casos activos (-9); a de Vigo baixa a 486 (-1); a de Ferrol, a 203 (-10); a de Pontevedra-O Salnés, a 200 (-10); a de Lugo-A Mariña-Monforte, a 198 (-18); e a de Ourense-Verín-O Barco, a 154 (-5).

Pola súa banda, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba que suma o Sergas aos seus datos actualizados sitúanse en 107 ─104 confirmados a través dunha  PCR─. Isto supón unha baixada por segundo día consecutivo, despois dos 161 notificados o sábado e os 188 do venres.

Tan soa a área de Santiago-Barbanza rexistra un repunte das infeccións rexistradas nun día, até 20 ─seis máis─. Ademais, a de Ferrol se estanca ao sumar seis novos casos, os mesmos que nos datos do sábado.

Do resto, todas notifican un descenso: A Coruña-Cee detecta 34 positivos (-21); Vigo, 24 (-1); Pontevedra-O Salnés, 10 (-17); Ourense-Verín-O Barco, nove (-5); e Lugo-A Mariña-Monforte, só catro (-16).

En total, as persoas contaxiadas desde o inicio da pandemia na Galiza ascenden a 115.739, das que 28.046 corresponden á área da Coruña; 21.795, á de Vigo; 18.341, á de Santiago; 14.776, á de Ourense; 12.637 á de Pontevedra; 11.954, á de Lugo; e 8.190, á de Ferrol.

Galiza realizou 1.798.972  PCR desde o inicio da pandemia, o que implica só 3.231 nas últimas 24 horas. Esta cifra queda lonxe das case 7.000 notificadas o sábado. Con todo, a taxa de positividade xeral sitúase no 2,8%, un lixeiro incremento que con todo mantén o país por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Curadas e falecidas

Até a data curáronse da covid-19 un total de 110.921 pacientes na Galiza, o que permite deducir que 148 persoas recibiron o alta entre as 18 desta sexta feira e as 18 do sábado.

Ademais, desde o inicio da pandemia faleceron 2.319 persoas diagnosticadas con coronavirus, após as últimas tres vítimas notificadas este sábado polas autoridades sanitarias.