Tres de cada cinco concellos galegos quedan libres de contaxios na última semana

Os municipios costeiros teñen maior incidencia (Beatriz Ciscar / Europa Press)
Case 60% dos municipios galegos non rexistraron novos casos de Covid-19 nos últimos 7 días, unha porcentaxe que descende a 41% se se toman como referencia as dúas últimas semanas

A incidencia da covid-19 mellorou en termos xerais en todo o territorio galego, xa que aumentou o número de concellos que non rexistraron novos casos no últimos sete días. Representan tres de cada cinco, unha porcentaxe (60%) que baixa até 41% (menos de 130) se temos en conta os municipios que non sumaron novos casos a 14 días.

Na actualidade, na Galiza só hai dous concellos, Cortegada e Vilardevós, que teñen unha incidencia superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes. En ambos os casos, iso si, mellorou se se compara co dato a 14 días, xa que en Vilardevós era superior a 500, e no de Cortegada estaba no intervalo comprendido entre maior de 250 e menor ou igual a 500 hai dúas semanas.

En canto ás principais cidades galegas, A Coruña, con 194 casos detectados no últimos sete días, segue a rexistrar a incidencia acumulada máis alta, situada no intervalo entre maior de 75 e menor ou igual a 125.

Vigo e Ferrol, con 157 e 26 casos novos detectados no mesmo período, respectivamente, están nunha incidencia entre maior de 25 e menor ou igual a 75.

Finalmente, Compostela (con 22 novos casos a 7 días), Lugo (con 17), Ourense (con 19) e Pontevedra (con 20) están nunha incidencia no intervalo comprendido entre maior de 10 casos por cada 100.000 habitantes, e menor ou igual a 25