O número de camas hospitalarias descendeu 2,9% en 2021

Cuarto dun hospital galego con dúas camas dispoñíbeis para o ingreso de pacientes. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).

O total de quirófanos non variou, manténdose en 288 unidades.

A sanidade galega dispuña de 9,723 camas en 2021, ano no que aínda estaba vixente o estado de alarma sanitaria pola pandemia da Covid-19. Estas cifras supoñen 2,9% menos que un ano antes, após perder 293 unidades.

Así se desprende dos datos de Estabelecementos sanitarios con réxime de Internado da Galiza publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), onde se recolle que o número total deste tipo de instalacións mantívose estábel, cun total de 34 centros.

Non obstante, o número de camas instaladas baixaron 2,9%, ao igual que as camas en funcionamento, que quedaron nas 8.669, 2,9% menos. Pola súa parte, o número de quirófanos tampouco variou, con 288 unidades.

Persoal facultativo

Segundo o IGE, o persoal total subiu 4,2%, até 36.439 profesionais. Destes, 22.453 era persoal non facultativo, 11,7% máis. O número de facultativos medrou 37%, até 8.240 traballadores. Pola súa parte, o número de persoas en formación aumentou 17,7%, até 1.552.

Entre outros datos, o número de consultas externas aumentou tamén 16,4% en 2021, en comparación cun ano antes, con máis de 5,7 millóns. Igualmente, tramitáronse 302.441 altas, 6% máis e realizáronse 257.341 actos cirúrxicos, 12,3% máis. O total de compras e gastos subiu 9%, con 3.394 millóns de euros.