Achados dous novos petróglifos sen balizar nas obras do polígono eólico do Acibal

Tetrasquel localizado esta fin de semana por veciñanza de Amil, Campo Lameiro e Xeve. (Foto: Amil sen Eólicos)
Amil sen Eólicos suma xa sete gravados prehistóricos localizados na contorna das turbeiras de Amil.

A pasada fin de semana, veciñanza de Amil (Moraña), Campo Lameiro e Xeve (Pontevedra) aumentou a conta de tetrasqueis localizados na zona de afectación directa das obras de construción do polígono eólico do monte do Acibal.

Veciñas e veciños, nas súas xa “tradicionais” andainas para comprobar o estado do monte no transcurso das obras, localizaron dous novos petróglifos.

Suman así xa sete achados na mesma zona, após descubrir no mes de abril varios gravados prehistóricos sen balizar na zona dos traballos de construción da subestación eléctrica do polígono eólico.

A veciñanza reportou tamén a presenza dun “chozo rodeado de varias marcas en pedra”. Arqueólogos definiron esta estrutura como “digna de estudo”.

Porén, desde Amil sen Eólicos alertan da posibilidade de que “non duren esta semana”, debido ao “grande avance das obras” do polígono eólico promovido pola empresa Norvento.

Turbeiras

Expertos en Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) concluíron que a zona das Brañas de Amil e parte da súa contorna, son, en realidade, turbeiras, un hábitat protexido pola Unión Europea e de elevado valor ecolóxico.

Segundo os edafólogos, as turbeiras xogan un papel vital na loita contra o cambio climático, xa que son os reservorios de carbono máis grandes nun ecosistema terrestre. Estes ecosistemas cumpren, ademais, un papel chave na regulación do ciclo hidrolóxico.

Amil sen Eólicos remitiu o informe elaborado pola USC ao Concello de Pontevedra e farán o propio coas distintas Administracións, pois “non se tivo en conta na Declaración de Impacto Ambiental”, considerando que “cambia de maneira drástica o tipo de medidas a adoptar para protexer a zona”.