Tres novos parque eólicos ameazan a comarca de Ordes

Parque eólico. Foto: EGA.

 

A comarca de Ordes, declarada ata o momento libre de eólicos, podería ver afectada a súa condición tras a proposta de creación de tres novos parques inscritos no Rexistro Eólico de Galiza.

 

Os 33 eólicos proxectados estarían repartidos entre os parques de Legre (11 eólicos), Solpor (7 eólicos) e Meirama (15 eólicos). Os concellos implicados serían Cerceda, Ordes, Frades e Mesía.

 

Dende a Coordinadora Contra a Implementación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes denuncian a falta de transparencia dos concellos afectados, que non comunicaron os proxectos por ningunha canle oficial.

 

Igualmente, catalogan a proximidade dos parques aos núcleos rurais de extremadamente perigosa, “moi lonxe dos 5km de distancia que consideramos necesarios por seguridade e saúde”. Solicitan por tanto a inmediata eliminación dos plans, aos que tachan de inxustificados e resultado da euforia da enerxía eólica que sofre Galiza.