Sete novos falecidos elevan as vítimas da pandemia a 976

Imaxe de arquivo cunha caixa do test de cribado da Covid-19. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Dúas persoas eran usuarias da residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, que onte xa perdeu a outros tres residentes. Tres destas cinco pacientes non chegaron a ser trasladadas a centros hospitalarios, malia que non trascendeu o motivo.

A Consellaría de Sanidade comunicou esta noite o falecemento de sete novas persoas nas últimas horas por complicacións causadas polo virus Covid-19. Esta nova xornada negra fai que o número de vítimas na Galiza alcance as 976.

Segundo as autoridades sanitarias, todas as persoas que finaron hoxe presentaban patoloxías previas, polo que eran doentes con un risco especial perante esta infección que tamén elevou o número de casos activos por enriba dos 10.000.

Dous dos casos de hoxe tamén teñen relación coas residencias de maiores, un dos grandes focos de contaxio como se pode ver día tras día. En concreto, tivo lugar o pasamento dun home de 76 anos que vivía no centro Nosa Señora dos Miragres de Barbadás que estaba ingresado no hospital de Ourense e unha compañeira de 85 anos que morreu no propio xeriátrico.

Cabe lembrar que no parte facilitado onte por Sanidade, xa se falaba de outras tres perdas de residentes na infraestrutura de Barbadás.

Ao longo da xornada tamén finaron unha muller de 82 anos que era atendida no Complexo Hospitalario de Ferrol e un varón de 82 anos que ficaba no hospital de Pontevedra. Así mesmo, deuse conta dos falecementos de outros tres octoxenarios (dúas mulleres e un home, de 88, 86 e 80 anos, respectivamente) nos centros hospitalarios de Compostela, Vigo e Lugo.

Con estas sete vítimas, o país alcanzou 976 falecidos desde a chegada da pandemia. Unha boa parte destas malas novas deuse no que se chama a segunda onda, que na segunda feira desta semana rexistraba o maior número de decesos nunha xornada.

En concreto, finaron 21 persoas. Até a quinta feira da semana pasada non se superara a barreira das 900 mortes, polo que o ritmo de afección é bastante elevado. A primeira morte contabilizada na Galiza na chamada nova normalidade foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, pasaran case dous meses sen decesos relacionados coa pandemia.